Skip to main content

Unha mostra fotográfica percorre en Enfermaría 25 anos de voluntariado sanitario

Ao redor da exposición tamén se realizarán actividades paralelas como visitas guiadas e charlas de sensibilización sobre o voluntariado e a súa importancia. FOTO: Santi Alvite
Ao redor da exposición tamén se realizarán actividades paralelas como visitas guiadas e charlas de sensibilización sobre o voluntariado e a súa importancia. FOTO: Santi Alvite
A Fundación Vicente Ferrer impulsa a exposición ‘Achega saúde’ na que fai balance da súa actividade na India rural dende 1997
Santiago de Compostela

Para conmemorar o 25 aniversario de voluntariado sanitario da Fundación Vicente Ferrer (FVF) na India rural, a FVF organizou a exposición 'Achega saúde', unha mostra fotográfica que percorrerá preto de 50 centros sanitarios e educativos de toda España. A mostra foi inaugurada  este luns 9 na Facultade de Enfermaría da USC, nun acto presidido pola vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e no que tamén participou a decana do centro, Raquel Rodríguez, e a delegada da Fundación Vicente Ferrer en Galicia e Asturias, María Moldes Suárez. A exposición, na que se dá a coñecer o traballo e testemuños do persoal sanitario voluntario, ten como obxectivo recoñecer e visibilizar o seu labor durante estes 25 anos e sumar máis persoas ao proxecto de sanidade da ONG.

Ao redor da exposición tamén se realizarán actividades paralelas como visitas guiadas e charlas de sensibilización sobre o voluntariado e a súa importancia para mellorar este mundo. A mostra permanecerá no centro ata o día 20, para trasladarse posteriormente ao Edificio Docente Roberto Novoa Santos ata o 3 de novembro.

O Hospital de Bathalapalli, un dos proxectos máis emblemáticos da organización, foi o inicio en 1997 da chamada a profesionais da saúde para axudar a mellorar os seus servizos. A partir de entón, máis de 500 profesionais formaron parte do voluntariado sanitario da FVF, un colectivo indispensable para levar a mellor atención sanitaria á poboación máis vulnerable e ás aldeas máis remotas do sur da India.

The contents of this page were updated on 10.09.2023.