Skip to main content

O Congreso Innovatia 8.3 explorará a perspectiva de xénero nos programas de creación de empresas universitarias

O foro servirá de marco para presentar o resultado final do Estudo de Xénero na I+D+i. FOTO: Santi Alvite
O foro servirá de marco para presentar o resultado final do Estudo de Xénero na I+D+i. FOTO: Santi Alvite
O foro servirá para afondar no emprendemento tecnolóxico liderado por mulleres e na aposta das universidades españolas pola igualdade nos procesos de transferencia do coñecemento
Santiago de Compostela

O Congreso Innovatia 8.3, organizado pola USC e o Instituto das Mulleres, desenvolverase o vindeiro 24 de outubro en Madrid para conformar un espazo de análise, reflexión e identificación das características do emprendemento baseado no coñecemento universitario dende a óptica da economía feminista. O foro servirá para afondar no emprendemento tecnolóxico liderado por mulleres e na aposta das universidades españolas pola igualdade nos procesos de transferencia do coñecemento.

“En Innovatia 8.3 levamos traballando dende o ano 2011 para que a transferencia de coñecemento universitario se realice con perspectiva de xénero, tamén visibilizamos a forma de emprender nas contornas científicas, analizando modelos de liderado feminista, moi próximos ás contornas da creación de empresas de base científica”, sinala Eva López Barrio, directora de Woman Emprende.

Innovatia 8.3 colabora coa CRUE Universidades Españolas, forma parte da RedOtri, e colabora coa RUIGEU, axuntando os termos: universidade, transferencia e igualdade. No Congreso Innovatia 8.3 abordaranse os indicadores de xénero na transferencia, misións comerciais, mentorización, ou finanzas, entre outros aspectos.

O foro servirá de marco para presentar o resultado final do Estudo de Xénero na I+D+i, que achegará o mapa da transferencia nas universidades españolas, centrándose nas persoas que participan na transferencia e na creación de empresas baseadas no coñecemento.

“Contaremos experiencias das Misións Comerciais en feminino, onde mulleres do ámbito universitario tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos ante entidades universitarias”, continúa Eva López. “Recoñeceremos o labor que fixeron as madriñas da acción Madrinanet, que empregaron tempo, recursos, coñecementos e redes de contacto para que as emprendedoras fagan realidade os seus proxectos empresariais e se inicien con forza e viabilidade empresarial”, engade, “e darémoslle o lugar que se merece aos temas financeiros, fundamentais nos proxectos tecnolóxicos, analizando novas formas de participación e colaboración”.

The contents of this page were updated on 10.20.2023.