Skip to main content

O novo consorcio internacional do mestrado Erasmus Mundus en Lexicografía dá os seus primeiros pasos na USC

Estudantado na Facultade de Filoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
Estudantado na Facultade de Filoloxía da USC. FOTO: Santi Alvite
Docentes e persoal investigador de Hungría, Francia, Sudáfrica, Costa de Marfil, Alemaña, Chile, Portugal, Austria, Italia e España danse cita esta semana en Compostela
Santiago de Compostela

O 'Joint EMLex Colloquium and Consortium Meeting' entre a USC e a Universidade do Minho servirá, do 23 ao 27 de outubro, de punto de partida para o novo consorcio do mestrado en Lexicografía, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e que acaba de obter por terceira vez o selo ‘Erasmus Mundus’ que outorga a axencia europea no ámbito educativo e cultural (European Education and Culture Executive Agency). Lexicografía, humanidades dixitais, tecnoloxías da linguaxe, procesamento da linguaxe natural e intelixencia artificial, son os eidos sobre os que pon o foco esta titulación, “todos eles orientados ás necesidades dunha sociedade dixital e global en constante cambio”, explica a coordinadora, María José Domínguez. 

A xuntanza reúne docentes e investigadores/as de Hungría, Francia, Sudáfrica, Costa de Marfil, Alemaña, Chile, Portugal, Austria, España e Italia, entre outros. O Consorcio decidiu que UMinho e USC fosen as encargadas de organizar esta actividade bilateral. Deste xeito, a primeira parte da semana, do 23 ao 25, desenvolverase na Universidade do Minho, mentres que a segunda parte, do 26 ao 27, o foro terá lugar na Facultade de Filoloxía coas reunións de coordinación do Consorcio EMLex e dúas actividades especialmente orientadas ao alumnado nas que participan dúas promocións deste mestrado. As actividades servirán para dar a coñecer o periplo de integración no mercado laboral por parte dos e das egresadas, e incluirán un workshop impartido polos docentes Carlos Valcárcel e Isaac González que, en formato de Hackathon, confronta o alumnado co desenvolvemento de novos recursos dixitais.

Xunto ao programa académico e cultural, os representantes das universidades centrais e universidades e centros de investigación asociados do Consorcio EMLex serán recibidos no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, o venres 27, polo reitor da USC, Antonio López, e pola Vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. 

Promoción do multilingüismo

Por vez primeira, a USC convértese na institución coordinadora dun consorcio internacional integrado pola Károli Gáspár Református Egyetem (Hungría), Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña), Ilia State University (Xeorxia), Université de Lorraine (Francia), Universidade do Minho (Portugal), Università degli Studi Roma Tre (Italia) e a Stiftung Universität Hildesheim (Alemaña). A estas oito universidades súmanse outras oito entidades asociadas. 

As características distintivas deste mestrado son “a súa orientación internacional, a interacción entre a teoría e a práctica, a promoción do multilingüismo (as linguas de ensino son o alemán e o inglés xunto coa adquisición doutras linguas europeas), os enfoques innovadores do ensino e a aprendizaxe, así como un amplo plan de mobilidade e unha estreita conexión cos sectores privado e social”, explica a profesora Domínguez, quen lembra que a renovación do selo estenderase ata 2030.

Para a coordinadora, “este mestrado dota o estudantado dunha formación ao máis alto nivel facilitando a súa integración nun mercado laboral global. Isto é de especial relevancia ao non existir unha vía específica para a formación lexicográfica na maioría dos países que integran o consorcio de universidades que organizan o mestrado”. Así mesmo, forma a especialistas multilingües que son capaces de deseñar novas ferramentas e recursos dixitais para o estudo e análise do léxico e as súas aplicacións. Á súa vez, o alumnado adquire coñecementos en programación, análise estatística e desenvolvemento de recursos dixitais atendendo ás novas tendencias en visualización de información en liña.
 

The contents of this page were updated on 10.23.2023.