O novo consorcio internacional do mestrado Erasmus Mundus en Lexicografía bota a andar na USC
O 'Joint EMLex Colloquium and Consortium Meeting' entre a USC e a Universidade do Minho serviu ao longo desta semana de punto de partida para o novo consorcio do mestrado en Lexicografía, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela e que acaba de obter por terceira vez o selo ‘Erasmus Mundus’ que outorga a axencia europea no ámbito educativo e cultural (European Education and Culture Executive Agency). Lexicografía, humanidades dixitais, tecnoloxías da linguaxe, procesamento da linguaxe natural e intelixencia artificial, son os eidos sobre os que pon o foco esta titulación, “todos eles orientados ás necesidades dunha sociedade dixital e global en constante cambio”, explica a coordinadora, María José Domínguez.
A xuntanza reuniu docentes e investigadores/as de Hungría, Francia, Sudáfrica, Costa de Marfil, Alemaña, Chile, Portugal, Austria, España e Italia, entre outros. O Consorcio decidiu que UMinho e USC fosen as encargadas de organizar esta actividade bilateral. Deste xeito, a primeira parte da semana, do 23 ao 25, desenvolveuse na Universidade do Minho, mentres que a segunda parte, do 26 ao 27, o foro tivo lugar na Facultade de Filoloxía coas reunións de coordinación do Consorcio EMLex e dúas actividades especialmente orientadas ao alumnado nas que participaron dúas promocións deste mestrado. As actividades serviron para dar a coñecer o periplo de integración no mercado laboral por parte dos e das egresadas, e incluíron un workshop impartido polos docentes Carlos Valcárcel e Isaac González que, en formato de Hackathon, confrontou o alumnado co desenvolvemento de novos recursos dixitais.
A reunión do consorcio serviu para acometer a planificación cronolóxica dos diferentes Coloquios do Consorcio EMLex, decidir a sede que acollerá o cuadrimestre de verán para a promoción 2024-2026, distribuír as tarefas dos membros de pleno dereito e dos membros asociados, acometer o nomeamento dos membros das Comisións de Admisión, Sostibilidade, Difusión, Calidade e Asuntos curriculares, así como planificar medidas de sostibilidade e de difusión do mestrado a nivel internacional.
Promoción do multilingüismo
Por vez primeira, a USC convértese na institución coordinadora dun consorcio internacional integrado pola Károli Gáspár Református Egyetem (Hungría), Friedrich-Alexander-Universität Erlangen-Nürnberg (Alemaña), Ilia State University (Xeorxia), Université de Lorraine (Francia), Universidade do Minho (Portugal), Università degli Studi Roma Tre (Italia) e a Stiftung Universität Hildesheim (Alemaña). A estas oito universidades súmanse outras oito entidades asociadas.
As características distintivas deste mestrado son “a súa orientación internacional, a interacción entre a teoría e a práctica, a promoción do multilingüismo (as linguas de ensino son o alemán e o inglés xunto coa adquisición doutras linguas europeas), os enfoques innovadores do ensino e a aprendizaxe, así como un amplo plan de mobilidade e unha estreita conexión cos sectores privado e social”, explica a profesora Domínguez, quen lembra que a renovación do selo estenderase ata 2030.
Para a coordinadora, “este mestrado dota o estudantado dunha formación ao máis alto nivel facilitando a súa integración nun mercado laboral global. Isto é de especial relevancia ao non existir unha vía específica para a formación lexicográfica na maioría dos países que integran o consorcio de universidades que organizan o mestrado”. Así mesmo, forma a especialistas multilingües que son capaces de deseñar novas ferramentas e recursos dixitais para o estudo e análise do léxico e as súas aplicacións. Á súa vez, o alumnado adquire coñecementos en programación, análise estatística e desenvolvemento de recursos dixitais atendendo ás novas tendencias en visualización de información en liña.
De xeito parello ao programa académico e cultural, o reitor da USC, Antonio López, e a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, reciben este venres 27, os representantes das universidades centrais e universidades e centros de investigación asociados do Consorcio EMLex no Salón de Graos do Colexio de San Xerome.