O Valentín Paz Andrade premia unha investigación sobre as desigualdades xeradas pola COVID-19
José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira foron recoñecidos este martes 19 co premio Valentín Paz Andrade de Investigación en Economía de Galicia, convocado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) e o Consello Económico e Social (CES). Amoedo e Sánchez-Carreira foron premiados polo artigo ‘Os efectos iniciais da COVID-19 nas desigualdades de renda en Galicia e a súa distribución na sociedade’, un traballo que veu la luz na Revista Galega de Economía.
O xurado, presidido polo reitor da USC Antonio López Díaz, motivou as súas decisións, tomadas por unanimidade, “na calidade científica dos traballos, na actualidade e relevancia da temática que abordan e na contribución dos resultados á mellor toma de decisións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia”. O traballo de Amoedo e Sánchez-Carreira resultou distinguido na modalidade dirixida a traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, mentres que a categoría centrada en premiar teses de doutoramento ficou deserta.
Desigualdades
“A pandemia da COVID-19 ten un efecto considerable nas desigualdades sociais”, explican os autores do artigo. Este traballo ten como obxectivo identificar, medir e describir os cambios nas desigualdades de renda en Galicia despois da pandemia. Para isto, calcularon diferentes indicadores de desigualdade de renda que permiten analizar a súa evolución antes e despois da pandemia (2014-2020), considerando as diferentes fontes de ingreso.
Os principais resultados poden sintetizarse en tres aspectos. Primeiro, a pandemia implica un incremento das desigualdades de renda en Galicia en 2020. Ademais, “aumentaron as desigualdades segundo o sexo, a nacionalidade, a idade e o nivel de estudos dos compoñentes do fogar, así como as desigualdades territoriais”, explican Amoedo e Sánchez-Carreira. Finalmente, as prestacións sociais desempeñaron un papel relevante á hora de suavizar o efecto da pandemia nas desigualdades. “Cómpre sinalar que este efecto é asimétrico, levando a que os fogares compostos por persoas máis novas se visen claramente menos protexidos que os de maior idade”, matizan.
Xurado
Ademais de Antonio López, integraron o xurado que se reuniu este martes 19 no Salón Reitoral do Colexio San Xerome, Maria Dolores Riveiro García do IDEGA, Manuel Pérez, presidente do CES; Manuel Martínez, secretario do CES; Fernando González Laxe da UDC e Xosé Henrique Vázquez Vicente da UVigo. José Manuel Amoedo e María del Carmen Sánchez-Carreira pertencen á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.