Skip to main content

O alumno de Matemáticas Alejandro de la Torre Durán, estudante mellor valorado nas prácticas do Consello Social

O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade. FOTO: Santi Alvite
O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade. FOTO: Santi Alvite
Cunha dotación económica de 1.500 euros, o premio recoñece o labor que desenvolveu entre abril e xuño no Centro de Investigación de Tecnoloxía Matemática de Galicia

O estudante do grao de Matemáticas Alejandro de la Torre Durán foi o mellor valorado na convocatoria de prácticas do Consello Social da USC de febreiro de 2023, o que lle supuxo un premio de 1.500 euros, achega moi importante para o desenvolvemento deste período formativo. En total foron 195 horas de prácticas desenvolvidas entre o 10 de abril e o 30 de xuño do ano pasado no Centro de Investigación de Tecnoloxía Matemática de Galicia (Citmaga). O titor externo das prácticas foi José Carlos Díaz Ramos e a titora académica Mercedes Conde Amboage.

O proxecto realizado por Alejandro de la Torre nas prácticas consistiu na ampliación da súa memoria de fin de grao, na que se define a noción de álxebra de Lie así como as ideas e ferramentas fundamentais para o seu estudo, como é o caso das representacións. Outro dos obxectivos foi aprender a trazar interrelacións entre diferentes campos das matemáticas.

O Consello Social, como órgano de participación da sociedade na Universidade, está comprometido coa mellora da empregabilidade, achegando a realidade laboral e complementando a formación teórica do alumnado mediante prácticas en empresas e institucións, ao mesmo tempo que fomenta a colaboración co tecido económico e institucional da comunidade. Este premio outórgase dúas veces ao ano, coincidindo cos períodos de prácticas das convocatorias de febreiro e setembro.

Alejandro de la Torre Durán
Alejandro de la Torre Durán
The contents of this page were updated on 01.11.2024.