Skip to main content

A viticultura de precisión incorpora a Intelixencia Artificial á xestión do viñedo galego e favorece a súa dixitalización

Viñedos da Adega Mar de Frades
Viñedos da Adega Mar de Frades
A tese de doutoramento desenvolvida por Marta Rodríguez Fernández na EPS de Enxeñaría do Campus Terra, baixo a dirección de Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, establece unha metodoloxía integral de zonificación de viñedos de variedade Albariño a partir de datos de dúas áreas atlánticas de cultivo da Adega Mar de Frades
Lugo

A viticultura de precisión incorpora as prestación da Intelixencia Artificial ao viñedo galego, a fin de optimizar a súa xestión e favorecer a progresiva mellora da súa dixitalización, segundo se conclúe a enxeñeira agrónoma Marta Rodríguez Fernández na tese de doutoramento ‘Viticultura de precisión para a caracterización e xestión de viñedos nun contexto de cambio climático’, desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra baixo a dirección dos profesores Javier J. Cancela, do grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) e Xesús Pablo González, investigador do grupo AMGEO da USC.

O establecemento dunha metodoloxía integral de zonificación dos viñedos, especialmente os relacionados coa variedade Albariño centra o principal cometido da investigación desta investigación de doutoramento, cuxa autora recompilou información meteorolóxica e da composición do solo, ademais de facer un seguimento do desenvolvemento vexetativo e dos parámetros nutricionais e produtivos do viñedo, incluíndo a análise da calidade da uva. A información analizada por Rodríguez Fernández para a realización da súa tese de doutoramento obtívose en viñedos da Adega Mar de Frades localizadas nas subzonas Ribeiras do Ulla e do Salnés, da DO Rías Baixas. De feito, a información principal compilada e analizada pola investigadora está ligada ao proxecto CDTI: ALBASOUL, una actuación desenvolvida nas campañas 2018 a 2020 baixo o impulso da propia adega Mar de Frades.

A metodoloxía proposta por esta enxeñeira agrónoma busca a implementación da viticultura de precisión, motivo polo se empregaron imaxes de satélite (Sentinel 2) que permiten realizar un seguimento do viñedo cada 5-10 días. Do uso das capturas do satélite foi posible derivar a zonificacion do viñedo, segundo o aspecto a avaliar, e/ou ben de forma conxunta. Os resultados obtidos supoñen un avance crucial para a xestión do viñedo, dado que evitan abonados excesivos xestionando a auga de rega, ademais de achegar información precisa sobre as enfermidades que poden presentarse nos viñedos galegos, enmarcados nunha viticultura Atlántica.

A doutora Rodríguez Fernández conseguiu asemade localizacións ad hoc para o estado do solo, situación hídrica da planta ou a nutrición do viñedo, así como para outros parámetros ligados á produción e a calidade dos mostos. A metodoloxía empregada, baseada en máis de 200.000 datos, permitiu xerar resultados fiables e replicables noutras contornas vitícolas, co que favorece a progresiva dixitalización do viñedo galego.

O emprego de técnicas de intelixencia artificial, empregando imaxes de satélite, variables fisiográficas e climáticas para predicir a produción do viñedo cun erro inferior ao 7% en datas temperás (floración en xuño), constitúe outra das achegas salientables desta investigación. De feito, a predición da produción permite ás adegas xestionar as vendimas e os seus stocks en adega cunha gran antelación, o que mellora os procesos produtivos que enlazan a xestión de viñedo cos procesos en adega, explica.

Cómpre destacar tamén o excelente resultado referido á estimación do contido en materia orgánica, carbono e textura do chan. O uso de técnicas de espectroscopia na investigación permitiu o seguimento dos efectos do abonado aplicado nun curto período de tempo sen requirir das análises clásicas de solos. Esta ferramenta facilita tamén a estimación do Carbono almacenado na base dos viñedos e favorece a inclusión dos terreos destinados a este tipo de cultivo nos mercados de carbono no futuro.

Contexto climático

Marta Rodríguez tamén contempla na súa tese a análise exhaustiva do contexto climático das dúas zonas de estudo (Ulla e Salnés) co obxecto de poder anticipar respostas ante a previsible irregularidade das precipitacións e o incremento das temperaturas nas rexións vitícolas galegas. Os resultados constatan a necesidade de incorporar un manexo eficiente do dosel vexetal, incluíndo o uso de sistemas de rega eficientes que maximicen a produtividade da auga. O uso das imaxes de satélite permite un manexo eficiente dos recursos a través de sistemas preditivos intelixentes, e indicadores de vexetación, tales como o NDVI e o NDWI.

As pescudas realizadas por Rodríguez Fernández sitúan a viticultura galega en posicións punteiras, aínda que a investigación recoñece que é necesario profundar no estudo combinado do uso de imaxes adquiridas mediante drons e satélites, a fin de aumentar a fiabilidade dos modelos desenvolvidos. A intelixencia artificial aplicada require asemade de inxente cantidade de datos para ser fiable, polo que a revisión e incorporación de novas campañas de estudo permitirá á adega Mar de Frades dispoñer de información crucial para mellorar a sustentabilidade dos seus viñedos.

Tribunal de tese e cualificación

A doutora Mar Vilanova, do CSIC-ICVV), presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese presentada por Marta Rodríguez Fernández, un comité do que tamén formaron parte as profesoras Rocío Ballesteros, da UCLM, e Isabel Valín, da ESA-IPVC de Portugal. O tribunal acordou por unanimidade outorgar a esta tese a máxima cualificación de sobresaínte cum luade.

 

The contents of this page were updated on 01.17.2024.