Skip to main content

Regulamento so CETUR

Regulamento de réxime interno, aprobado por Consello de Goberno do 22 de xuño de 2004. Modificación do artigo 1 por Consello de Goberno do 30-03-2005. Modificación dos artigos 1 e 7 por Consello de Goberno do 22-03-2006.

CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.º

Natureza e denominación

O Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (CETUR) constitúese pola Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Santiago de Compostela, o Concello de Lugo, a Cámara de Comercio de Santiago e a Asociación de Empresarios de Hostalería e Restauración de Santiago de Compostela, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e a Xunta de Galicia, como Centro Mixto dedicado á investigación e estudo do turismo nas súas vertentes económica, social, territorial e ambiental, así como ao ensino e formación no sector turístico.

Artigo 2.º

Ámbito de actuación e de vixencia

1. CETUR é fundamentalmente un Centro de formación, estudo e investigación dedicado á análise dos aspectos económicos, sociais, territoriais e ambientais do turismo nos planos local, galego, nacional e internacional.

2. CETUR terá un ámbito de vixencia indefinido; isto non obstante, calquera das partes asinantes do Convenio polo que se crea, poderá denunciar este con polo menos un ano de anticipación.

Artigo 3.º

Fins

No marco do seu ámbito de actuación, son fins do CETUR:

  1. Promover, impulsar e desenvolver o coñecemento, investigación e difusión das materias propias.
  2. Levar a cabo as tarefas de formación e ensino que sexan promovidas ou encomendadas pola USC ou polos promotores externos á USC.
  3. Establecer vínculos de colaboración con outras organización galegas, nacionais ou internacionais con obxectivos converxentes cos do CETUR.
  4. Participar no ensino universitario no marco da organización programada ao efecto pola USC.
  5. Crear e manter unha biblioteca especializada dentro da biblioteca da USC.
  6. Promover a edición dunha revista especializada en temas turísticos, así como doutras publicacións que se consideren de interese
  7. Todas aqueloutras relativas ao mellor complemento da súa finalidade.

Artigo 4.º

Sede

O CETUR queda pendente da cesión dun espazo que lle asigne a USC para a localización física das súas dependencias.

Artigo 5º

Réxime

Sen prexuízo da aplicación das normas xerais de carácter administrativo, o CETUR rexerase polo disposto na Lei de Ordenación Universitaria, polos Estatutos da USC, polo Regulamento de creación e funcionamento dos Centros Propios da Universidade de Santiago de Compostela, de 20 de maio de 1999, e por este Regulamento.

CAPÍTULO II. ORGANIZACIÓN

Artigo 6.º

Órganos de Goberno

Os órganos de goberno do CETUR son:

  1. O Consello de Centro.
  2. O director.
  3. O secretario.

Artigo 7.º

Composición do Consello de Centro

O Consello de Centro, que se renovará cada catro anos, estará composto por:

  1. O director do Centro, que o convocará e presidirá.
  2. Un representante do Consello de Goberno da Universidade nomeado polo Reitor.
  3. Dous representantes dos concellos.
  4. Un representante da Cámara de Comercio de Santiago.
  5. Un representante das asociacións empresariais.
  6. Un representante da Xunta de Galicia.
  7. Catro representantes do persoal científico adscrito ao Centro que deberán ter a condición de profesores da USC. Entre estes catro, un será nomeado Secretario do Consello de Centro a proposta do director.

Artigo 8.º

Funcións do Consello de Centro

  1. Son funcións do Consello de Centro:
    1. Elixir o Director do Centro e propor o seu nomeamento ao Reitor e, de ser o caso, a súa remoción mediante acordo adoptado polo voto favorable de dous terzos dos seus compoñentes.
    2. Aprobar o orzamento e a programación anual das actividades do CETUR.
    3. Aprobar a memoria anual de actividades e a memoria económica.
    4. Aprobar o ingreso de novos membros do persoal científico do CETUR e o seu cesamento.
    5. Emitir informes sobre os contratos do CETUR e dos seus profesores aos que se refire o artigo 19.1 deste Regulamento.
    6. Propor ao Consello de Goberno da USC e ao órgano competente dos promotores externos a aprobación ou modificación do Regulamento do CETUR.
    7. Aqueloutras que se establezan en desenvolvemento das disposicións contidas nos instrumentos normativos polos que se rexe o CETUR.
  2. Salvo que existan outras maiorías, o Consello adoptará acordos polo voto favorable da metade máis un dos seus membros.

Artigo 9.º

O director do Centro

  1. O director do CETUR será un funcionario dos corpos docentes universitarios da USC, co título de doutor e dedicación a tempo completo, con obra publicada nalgunha das materias propias do ámbito do CETUR.
  2. O director será elixido polo Consello de Centro e nomeado polo Reitor da USC por un período de catro anos, non podendo desempeñar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.
  3. Correspóndelle ao director:
    1. Convocar o Consello de Centro polo menos unha vez ao ano, presidir as reunións que celebre e executar os seus acordos.
    2. Representar o CETUR no ámbito da súa competencia.
    3. Elaborar as propostas anuais de programación e orzamento do CETUR.
    4. Redactar a memoria de actividades e a memoria económica.
    5. Nomear o secretario.
    6. Dirixir e coordinar as actividades do CETUR.
    7. Autorizar os gastos do orzamento anual do Centro.
    8. Aqueloutras funcións que lle poidan corresponder en virtude de disposicións que lle sexan aplicables.

Artigo 10.º

O secretario do Centro

  1. O secretario do CETUR será nomeado polo director entre os membros do Consello de Centro
  2. Son funcións do secretario:
    1. Redactar as actas das sesións do Consello.
    2. Custodiar os arquivos e a documentación do CETUR.
    3. Expedir as certificacións no ámbito da súa competencia.
    4. Auxiliar ao Director nas súas funcións e substituílo no caso de enfermidade ou ausencia.

CAPÍTULO III. PERSOAL CIENTÍFICO

Artigo 11.º

Membros do CETUR pertencentes á Universidade de Santiago

1. O persoal científico do CETUR estará integrado por profesores, axudantes e investigadores da USC, que realicen ou tivesen realizado investigacións no ámbito do turismo, que pertenzan ás seguintes áreas de coñecemento:

  • Análise Xeográfica Rexional
  • Antropoloxía Social
  • Comercialización e Investigación de Mercados
  • Dereito Administrativo
  • Economía Aplicada
  • Economía Financeira e Contabilidade
  • Estatística e Investigación Operativa
  • Filoloxía Alemá
  • Filoloxía Francesa
  • Filoloxía Inglesa
  • Filoloxía Italiana
  • Filoloxías Galega e Portuguesa
  • Fundamentos da Análise Económica
  • Historia da Arte
  • Linguaxes e Sistemas Informáticos
  • Metodoloxía das Ciencias do Comportamento
  • Organización de Empresas
  • Socioloxía
  • Xeografía Física
  • Xeografía Humana

2. De conformidade co establecido no apartado anterior, formarán parte do persoal científico inicial do CETUR os profesores que se relacionan no ANEXO deste Regulamento

3. Sen prexuízo do disposto nos apartados anteriores, poderán incorporarse como membros do CETUR profesores e investigadores doutras áreas de coñecemento non contempladas no apartado 1 deste artigo

Artigo 12.º

Membros pertencentes a outras Universidades e Organismos

1. Poderán pertencer ao CETUR a título individual profesores e investigadores doutras universidades con obra publicada e especializada en materias relacionadas co turismo.

2. Poderán integrarse no persoal científico do CETUR aquelas persoas que presten os seus servizos nas institucións e organismos promotores alleos á USC e que desempeñen funcións vinculadas co sector turístico, sempre que estean en posesión do título de licenciado ou equivalente.

3. De conformidade co establecido nos dous apartados anteriores formarán parte tamén do persoal científico inicial do CETUR os investigadores e persoas que se relacionan no ANEXO deste Regulamento.

Artigo 13.º

Membros honorarios do CETUR

O Consello de Centro, por voto favorable de dous terzos dos seus membros, poderá nomear membros honorarios, con voz pero sen voto, entre as persoas que destaquen ou tiveran destacado en calquera campo relacionado co ámbito de actuación do CETUR.

Artigo 14.º

Incorporacións de persoal científico ao CETUR

Previa petición expresa dos interesados, o Consello de Centro poderá acordar a incorporación de novos membros como persoal científico do CETUR, sempre que acrediten ter realizados estudos ou traballos de investigación sobre temas pertencentes ao ámbito de actuación do Centro e cumpran os requisitos establecidos na normativa de creación e funcionamento de Centros Propios da USC.

Artigo 15.º

Dedicación do persoal científico ao CETUR

O persoal científico desenvolverá as súas actividades no CETUR, sen mingua das obrigas docentes e de investigación, ou de calquera outro tipo, ás que estean suxeitos en virtude do réxime que lles sexa de aplicación pola súa pertenza á USC ou a outras universidades, así como aos corpos funcionariais ou laborais dos organismos ou institucións promotoras alleas á USC.

Artigo 16.º

Perda de condición de membro do CETUR

A condición de membro do CETUR perderase por renuncia, que se fará cegar por escrito ao Director e que este comunicará ao Consello de Centro. Tamén se perderá dita condición por perda da condición que xustificou o seu ingreso, así como por acordo adoptado polo voto favorable de dous terzos dos membros do Consello de Centro.

CAPÍTULO IV. RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 17.º

Orzamento

O CETUR terá o seu propio orzamento de ingresos e gastos que deberá ser confeccionado anualmente polo director e aprobado polo Consello de Centro.

Artigo 18.º

Ingresos

Terán a consideración de ingresos do CETUR:

  1. As cantidades de diñeiro aportadas polos promotores externos á USC ao CETUR con cargo á correspondente partida orzamentaria.
  2. As axudas e subvención outorgadas ao CETUR por organismos ou entidades públicas ou privadas, así como por persoas individuais.
  3. As cantidades de diñeiro procedentes de proxectos de investigación concedidos a membros do CETUR para investigación nas materias propias do Centro.
  4. As cantidades de diñeiro procedentes de contratos concluídos con entidades públicas ou privadas.
  5. As cantidades de diñeiro procedentes de asignacións que se poidan facer ao CETUR nos orzamentos da USC.
  6. As taxas cobradas pola impartición de cursos ou seminarios.

Artigo 19.º

Actuacións do CETUR para terceiros

O CETUR e os seus membros a través do mesmo poderán contratar con entidades públicas e privadas e con persoas físicas a realización de traballos de carácter científico, así como o desenvolvemento de todo tipo de cursos de especializacións e reciclaxe profesional nas condicións establecidas na lexislación vixente e nos Estatutos da USC.

Artigo 20.º

Bens inventariables

Os bens inventariables que adquira o CETUR para o cumprimento dos contratos que celebre conforme ao previsto no artigo 19, serán de propiedade da USC, salvo que por un convenio específico, que será aprobado polo Consello de Goberno da Universidade e polos órganos competentes dos promotores externos á USC, se estableza outro réxime sobre a titularidade domicial dos bens así adquiridos.

Artigo 21.º

Gastos

Corresponde ao Director do Centro autorizar os gastos dentro do ornamento anual; a tramitación do expediente de gasto realizarase de acordo coas normas xerais da USC.

DISPOSICIÓNS FINAIS

Primeira.- O presente Regulamento entrará en vigor a partir da aprobación do presente Regulamento por parte do Consello de Goberno da USC.

Segunda.- O presente Regulamento poderá ser modificado por acordo do Consello de Goberno da USC, e o director do Centro informará das modificacións adoptadas ás autoridades competentes dos promotores alleos á USC.

Terceira.- A interpretación do presente Regulamento é competencia do Consello de Goberno da USC.

The contents of this page were updated on 04.26.2024.