Skip to main content

Manifesto de REBIUN en defensa dos repositorios de acceso aberto

Manifesto en defensa dos repositorios de acceso aberto
Infografía: REBIUN
A Red de Bibliotecas Universitarias y Científicas Españolas (REBIUN) vén de publicar un manifesto no que se defende o papel central dos repositorios como infraestuturas clave nas políticas en favor do acceso aberto e a importancia que estes teñen para o desenvolvemento da investigación e o coñecemento compartido.

REBIUN faise eco no seu manifesto En defensa dos repositorios de acceso aberto do crecente malestar existente na comunidade científica trala aparición de novas vías coas que as editoriais obterían beneficio económico por permitirlles aos investigadores publicar os seus traballos en repositorios de acceso aberto. Estas novas taxas irían en contra "dun ecosistema de comunicación académica aberto e inclusivo ao perxudicar os dereitos do persoal investigador a difundir en acceso aberto os seus traballos en repositorios".

O manifesto destaca que, fronte aos importantes pasos dados por axencias financiadoras como Coalition S en favor do acceso aberto inmediato e sen embargos, xorden prácticas editoriais que privilexian como vía de publicación en aberto as revistas, mediante o pago de Article Processing Charges (APCs) ou a través de acordos transformativos. As trabas impostas polas editoriais para a publicación dos artigos con licenza Creative Commons dificúltalle ao personal investigador autoarquivar os traballos  nos repositorios institucionais.

Para que os repositorios desempeñen o seu papel de xeito cada vez máis eficaz, dende Rebiun achéganse unha serie de propostas:

  • Inclusión de claúsulas de retención de dereitos (retention rights) nas contratacións de acordos transformativos.
  • Novos servizos de valor engadido para as institucións  suscriptoras de acordos transformativos.
  • Desenvolvemento dunha nova lexislación en España a favor da ciencia aberta.

 Nas guías da BUSC sobre Dereitos de autor e acceso aberto e Acordos Transformativos poderás obter máis información.

The contents of this page were updated on 02.16.2024.