Skip to main content

Chamada para o envío de poemas sobre intelixencia artificial

O convite para enviar poemas está aberto ata o 1 de xuño. FOTO: Pixabay
O convite para enviar poemas está aberto ata o 1 de xuño. FOTO: Pixabay
A convocatoria está aberta a calquera persoa maior de idade que escriba versos en galego

O proxecto de investigación PHIRGAL sobre 'Interseccións posthumanas nas literaturas galega e irlandesa' e o Grupo Discurso e Identidade da Facultade de Filoloxía fan unha chamada para o envío de poemas que exploren a relación entre poesía e intelixencia artificial, co ánimo de tender pontes entre os estudos literarios e outras disciplinas.

O obxectivo é indagar no potencial das novas textualidades, explorar as posibilidades creativas da intelixencia artificial (IA), contribuír ao debate IA vs. autoría humana e promover a reflexión sobre os límites do humano no marco dos debates actuais sobre posthumanismo, procurando ademais abrir a investigación universitaria ao ámbito social e cultural no que está inserida.

O convite para enviar poemas está aberto a persoas maiores de idade tanto da comunidade universitaria como da extrauniversitaria. A lingua dos poemas deberá ser o galego e a extensión máxima de cada poema será dun máximo de 50 liñas e soamente se aceptará un poema por participante. Este debe ser de autoría propia e non estar publicado nin enviado para inclusión noutra publicación.

A comisión seleccionadora estará formada por especialistas en literatura creativa e crítica literaria e os poemas seleccionados serán publicados nas webs de PHIRGAL  e Discurso e Identidade, así como doutras entidades colaboradoras. De se daren as condicións que o permitan, farase unha publicación impresa da selección de poemas. O prazo para o envío dos poemas vai do 1 de marzo ata o 1 de xuño de 2024.

The contents of this page were updated on 03.06.2024.