Skip to main content

Argos premia un asistente de rehabilitación da linguaxe e tecnoloxía para potenciar a densidade ósea

Gañadores, finalistas e membros do xurado participaron no acto que se desenvolveu no Colexio de Fonseca
Gañadores, finalistas e membros do xurado participaron no acto que se desenvolveu no Colexio de Fonseca
Trátase dun programa impulsado pola AVTE da USC para dar pulo a equipos emprendedores con ideas de negocio innovadoras
Lugo, Santiago de Compostela

O proxecto REDILE baseado nun asistente de rehabilitación da linguaxe teledirixida, controlada por Intelixencia Artificial para a cativada, obtivo este venres 1 o premio Argos Enxeño co que se distinguen plans xurdidos de ideas de negocio agromadas no programa Argos da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC. Ao abeiro deste programa, tamén se outorgou o galardón Argos Spin que premia plans de empresa desenvolvidos a partir dalgún dos resultados de investigación xerados na USC. Nesta edición do certame, resultou recoñecido VitfeeD, tecnoloxía innovadora para sintetizar análogos da vitamina D con silicio que, ademais dos beneficios xa coñecidos desta vitamina, potencian a densidade ósea. O equipo de REDILE está integrado por Frank Alberto Betances Reinoso, Nuria Richer Gusano e Belén Noya Conde, mentres que VitfeeD é froito do traballo desenvolvido por Alicia García Delgado e Lorena Valverde Fraga.

Ademais, na categoría Spin, resultou finalista a iniciativa AEGIS, a aplicación dunha ferramenta de detección precoz de adiccións sen substancia (internet, videoxogos e apostas) en centros educativos. O equipo de AEGIS está integrado por Álvaro Fernández Theotonio e Christian Salazar Coba. Na modalidade Enxeño, quedou como finalista Hidrosíntese, un sistema de acuaponía integrado con un sistema de xestión de residuos procedentes de excedentes alimentarios para a explotación económica do cultivo de vexetais e peixes de consumo humano. Marcos Fernández Piñeiro e Jacobo Álvarez Torres foron os promotores da iniciativa.

A entrega dos premios Argos 2023 desenvolveuse este venres 1 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. No acto participaron o delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Alberto Otero González; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José Luis Villaverde Acuña; a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Xunta de Galicia, Margarita Ardao Rodríguez; a directora xeral de Unirisco Galicia, María Inmaculada Rodríguez Cuervo; a directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Fernández Liz; e Norberto Penedo Rey, director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica.

O director da AVTE presentou o Programa ARGOS e os proxectos participantes, tras o cal se entregaron os diplomas que acreditan a participación dos integrantes dos distintos equipos. O evento finalizou cunha sesión de networking logo de que representantes de cada grupo presentasen as liñas mestras das súas respectivas iniciativas.

Construír proxectos innovadores

O programa ARGOS é unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC e o seu obxectivo é sensibilizar e adestrar estudantes e persoal investigador da USC no proceso de elaboración do plan de negocio e promover a creación de empresas na comunidade universitaria, tomando como eixes o traballo en equipo e o sistema de aprender facendo. A través da creación de equipos multidisciplinares, o programa busca construír proxectos de negocio innovadores, capaces de afrontar os retos do mercado, e remata cun proceso de avaliación no que resultan premiados os proxectos con máis posibilidades de converterse nunha empresa viable.

Establécense dúas categorías de premios: Argos Spin, ao que optan os plans de empresa desenvolvidos a partir dalgún dos resultados de investigación xerados na USC e Argos Enxeño, no que compiten os plans xurdidos de ideas de negocio que achegaron algunhas das persoas participantes no programa. Cada un dos premios consiste en 3.000 euros (50% a repartir entre os membros do equipo premiado e 50% para a empresa xurdida do programa Argos, sempre que sexa constituída nos seguintes 12 meses tras a decisión do xurado).

 

The contents of this page were updated on 03.01.2024.