Skip to main content

Camiñadas da EPSE 2024

Devagar polo Courel dos tesos cumes

28/04/2024 - 08.30 horas

A Comisión de Normalización Lingüística da EPSE colabora na organización da xornada de campo para descubrir os valores do Courel para a que se ofrecen 20 prazas. A inscrición está aberta

Devesa da Rogueira
“Devesa da Rogueira” por Tanja Freibott, con licenza CC BY-SA 4.0

O Courel é unha serra que atesoura marabillas naturais e culturais. Nesta primavera que non se quere espreguizar, propoñémosvos un paseo en que descubrir circos glaciarios, fontes, regatos, especies de flora e fauna, e construcións de enorme beleza vinculadas con actividades tradicionais hoxe desaparecidas.

Para iso, camiñaremos polo treito cimeiro desta serra para coñecer a súa xeografía, historia recente e importancia ambiental, mesturando todo isto con pequenas pingas sobre os seus valores culturais e etnográficos. 

Parte do camiño atravesará a Devesa da Rogueira, un pequeno recuncho boscoso desta serra que presenta características únicas no noroeste peninsular.

A persoa que vai guiar a andaina é Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor do Departamento de Produción vexetal e Proxectos de Enxeñaría. O seu traballo de investigación e divulgación céntrase na caracterización da cuberta vexetal de Galicia (especialmente os bosques e os seus usos e aproveitamentos tradicionais), así como na identificación, tipificación e valoración do estado de conservación de hábitats naturais e seminaturais e de espazos protexidos. Dificilmente poderiamos atopar alguén mellor para introducirnos no Courel.

O extraordinario valor ambiental das zonas que imos atravesar obríganos a limitar a 20 persoas o número máximo de participantes. Así que se nos queres acompañar, bule a apuntarte no enderezo electrónico mariadomar.perez [at] usc.gal (mariadomar[dot]perez[at]usc[dot]gal), poñendo no asunto "Inscrición camiñada O Courel 2024" e indicando os teus datos persoais e un teléfono de contacto. 

Por último, un par de avisos de loxística para desprevid@s: 

  • O camiño non é moi esixente, pero é montaña, ten desnivel e segue carreiros que adoitan estar enlamados nalgúns tramos: así que cando veñas, vístete con roupa adecuada e calza unhas botas de montaña.
  • A previsión é que a camiñada dure ata media tarde, así que cadaquén ten que levar o seu xantar para comelo nunha das paradas que fagamos.
Cartel da camiñada abril 24
Cartel anunciador
The contents of this page were updated on 04.26.2024.