Skip to main content

Formación do Profesorado, a prol dunha lei de identidade de xénero en Galicia co vídeo ‘Nós queremos TRANS(formar a sociedade)’

Autores do vídeo, na instalación colocada no vestíbulo de Formación do Profesorado
Autores do vídeo, na instalación colocada no vestíbulo de Formación do Profesorado
O audiovisual realizado por máis de 80 estudantes o grao de Mestre en Educación Primaria e que estará accesible en Youtube, proxéctase estes días no centro lugués

Máis de 80 estudantes matriculados na materia Educación Visual e Plástica do grao de Mestre en Educación Primaria súmase ás iniciativas que demandan a creación e aprobación dunha lei de identidade de xénero en Galicia co vídeo ‘Nós queremos TRANS(formar a sociedade)’, unha produción audiovisual que se está a proxectar estes días na entrada da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo e que tamén se divulgará a través da canle Youtube e doutras plataformas de Internet, segundo indica o profesor Vicente Blanco.

A idea da realización deste vídeo xurdiu a raíz dun relatorio ofrecido no centro universitario lugués pola presidenta da asociación de pais de menores transexuais Arelas, Cristina Palacios, na que se trataron entre outros temas, as problemáticas que afectan aos menores trans nas escolas. A Xunta de Galicia aprobou en 2016 un protocolo de actuación neste eido, pero esta medida non cumpre coas expectativas de colectivos e asociacións, que piden unha lei galega de identidade de xénero, a fin de que esta normativa cubra as necesidades e tamén as reclamacións das persoas transexuais e actúe como garantía dunha igualdade real.

O vídeo a través do que este grupo de estudantes da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo apoia as reivindicacións dunha lei galega de identidade de xénero, realizouse no marco da materia de Educación Visual e Plástica e está inspirado no debuxo feito por unha nena trans no que se representaba a si mesma partida en dúas metades, unha de home e outra de muller. A partir desta idea, o alumnado debuxou os seus propios medios retratos, imaxes que completaron coa metade doutro compañeiro ou compañeira, tratando de fomentar a empatía, é dicir a capacidade de poñerse no lugar do outro para comprender e respectar a diversidade.

A presentación deste proxecto audiovisual, que estará dispoñible na canle de Youtube, así como noutras plataformas de internet, desenvolveuse nun acto que contou coa presenza de Cristina Palacios celebrado no vestíbulo da Facultade de Formación do Profesorado e Lugo, onde estes días se está a proxectar o vídeo, a carón dunha instalación que fai visibles os debuxos realizados polos estudantes.

Imaxe da instalación, a prol dunha lei de identidade de xénero

The contents of this page were updated on 02.23.2017.