Skip to main content

Actividades da BUSC polo Día do Libro

A BUSC está a organizar diversas actividades para conmemorar o Día do Libro de 2024. Imaxe: Unsplash
A BUSC está a organizar diversas actividades para conmemorar o Día do Libro de 2024. Imaxe: Unsplash
A BUSC celebra o Día do Libro con diversas actividades organizadas en distintos puntos de servizo. Mostras bibliográficas, conversas con autores e sorteos de libros serán algunhas das propostas para conmemorar este día.

A BUSC organiza diversas actividades este 23 de abril con motivo do Día do Libro nos seus distintos puntos de servizo.

Biblioteca Xeral

No recén inaugurado espazo expositivo da Xeral atópase unha mostra bibliográfica de fondos ubicados no depósito coas sinaturas  SRII, GA e R que teñen que ver co libro, as bibliotecas, a lectura, a iluminación de manuscritos, o libro antigo, o libro galego, etc. A escolma ten, polo tanto, un carácter multidisciplinar dentro da temática "libro". Con esta mostra, a biblioteca pretende dar visibilidade a fondos que, ao non estar en libre acceso, son descoñecidos polas usuarias e usuarios.

Detalle da mostra bibliográfica organizada pola Biblioteca Xeral para o Día do Libro
Detalle da mostra bibliográfica organizada pola Biblioteca Xeral para o Día do Libro

Biblioteca de Bioloxía

A biblioteca da Facultade de Bioloxía organiza un concurso para dar visibilidade aos recursos de información científica dos que dispón a BUSC e, neste caso, máis relacionados coas distintas ramas da Bioloxía e da Biotecnoloxía.  

A metodoloxía do concurso consiste en ler os diferentes artigos que se atopan nas tarxetas (pílulas) temáticas que están repartidas polas mesas da biblioteca. Algúns deles publicados por investigadores da Facultade de Bioloxía.

Para participar haberá que contestar un cuestionario de 5 preguntas onde as solucións se atopan nos artigos das distintas pílulas repartidas pola biblioteca. Para acceder ao cuestionario electrónico haberá que escanear o QR e así poderase participar no sorteo de 3 libros. 

Cartaz do concurso "Pílulas da Bioloxía"
Cartaz do concurso "Pílulas da Bioloxía"

Biblioteca de Psicoloxía e Ciencias da Educación 

Na biblioteca de Ciencias da Educación ( Campus Norte) terá lugar o día 25 de abril unha nova sesión de Escritoras na Biblioteca. Nesta ocasión, a conversa será con Ánxela Gracián, figura clave da literatura infantil e xuvenil galega, implicada en Gálix, tradutora, e que desde as súas múltiples facetas ten moito que compartir sobre literatura e infancia. En paralelo, a biblioteca amosará un centro de interese con obras dispoñibles para levar en préstamo. 

Ademais, esta biblioteca sorteará un lote de libros entre tódalas persoas usuarias que utilicen os seus servizos (lectura en sala, préstamo, información...) entre os días 15 e 23 de abril. O sorteo realizarase o día 26 de abril e para participar, só haberá que encher unha papeleta proporcionada polo persoal co número do código de barras da TUI e depositala nunha das urnas situadas nos puntos de servizo do Campus Norte e Vida. 

Cartaz de Escritoras na Biblioteca, que contará o día 25 de abril coa presenza da tradutora Ánxela Gracián
Cartaz de Escritoras na Biblioteca, que contará o día 25 de abril coa presenza da tradutora Ánxela Gracián

Biblioteca de Filoloxía

A biblioteca de Filoloxía organiza co gallo do Día do Libro unha exposición de obras de grandes escritoras da literatura catalá, que poderá visitarse do 23 de abril ao 10 de maio.

Cartaz da exposición Grandes escritoras da literatura catalá
Cartaz da exposición Grandes escritoras da literatura catalá

Concepción Arenal

O día 23 ás 11:15 inaugúrase a 2ª etapa da exposición itinerante “8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo” que recolle obras senlleiras da ecoloxía, a literatura ou a política escrita por mulleres.

A idea orixinal da mostra correspondelle á Federación Española de Asociaciones de Profesionales de los Archivos, las Bibliotecas, los Centros de Documentación, de Información y de Interpretación, los Museos y los Yacimientos Arqueológicos (ANABAD), e o deseño é de Pedro Quílez. Tratase dunha mostra que está presente noutras bibliotecas do estado. No caso da USC, fíxose a tradución ao galego e escolléronse as versións na nosa lingua para aquelas obras que contaban cunha edición en galego.
No acto participarán mulleres de diferentes sectores da comunidade universitaria da USC lendo parágrafos destacados das obras.

Ás 13.30 realizarase un sorteo de libros e outras sorpresas. Para participar utiliza este formulario.

A Biblioteca Concepción Arenal organiza un sorteo de libros con motivo do Día do Libro
A Biblioteca Concepción Arenal organiza un sorteo de libros con motivo do Día do Libro
The contents of this page were updated on 04.22.2024.