Skip to main content

Unha mostra na Igrexa pon en valor o traballo do reporteirismo gráfico en Galicia

A mostra reúne un total de 23 obras. Foto: Santi Alvite
A mostra reúne un total de 23 obras. Foto: Santi Alvite
Poderá visitarse de balde ata o 15 de maio

A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia reúnen nunha mostra na Igrexa un total de 73 obras fotográficas que procuran poñer en valor o labor que desenvolven os profesionais gráficos que traballan en Galicia, dando a coñecer ao gran público unha representación da súa obra, ben inédita ou ben publicada en medios impresos galegos.

A exposición ‘A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego’ inaugurouse este luns nun acto que contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como membros das entidades organizadoras e numerosos xornalistas e profesionais gráficos.

Máis aló da capacidade creativa dos autores e autoras e da instantánea de actualidade, as obras plasman diferentes aspectos da realidade social, económica e política, dende a vertente máis dura ou crúa (lumes forestais, narcotráfico, conflitos laborais…) ata as manifestacións artísticas, culturais e festivas galegas, incluíndo tamén un bo número de imaxes de enorme beleza paisaxística ou que afondan na xeografía humana da comunidade.

Os colectivos promotores quixeron tamén nesta mostra implicar decenas de xornalistas que tamén desenvolven o seu labor en Galicia, a través da elaboración de lendas para cada unha das fotografías expostas.

A mostra conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela, a través da súa Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Permanecerá aberta ao público na Igrexa da Universidade ata o 15 de maio, de martes a sábado en horario de 11 a 14 e de 17 a 20.30 horas.

 

A vicerreitora de Estudantes e Cultura e presidente da Xunta de Galicia. Foto: Santi Alvite
A vicerreitora de Estudantes e Cultura e presidente da Xunta de Galicia. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 04.18.2024.