Skip to main content

USC, UVigo e CSIC optimizan ferramentas xenómicas a prol da xestión sostible e da mellora da produtividade acuícola

Paulino Martínez, na súa intervención ante o persoal investigador reunido en Veterinaria
Paulino Martínez, na súa intervención ante o persoal investigador reunido en Veterinaria
O proxecto #CienciasMariñasGal cita en Veterinaria un grupo de traballo formado por uns 30 investigadores e coordinado polo catedrático da área de Xenética da USC Paulino Martínez e a investigadora do CSIC Laura Casas, que avanza na mellora xenética da pescada, rodaballo, mexillón, ostras, ameixas, berberechos, entre outras especies, a fin de facelas máis resistentes a parasitos e toxinas
Lugo

O catedrático da área de Xenética da USC Paulino Martínez Portela e a investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC Laura Casas coordinan o grupo de traballo do proxecto Ciencias Mariñas de Galicia responsable da optimización do emprego das ferramentas xenómicas dispoñibles para mellorar a resistencia e a produtividade acuícola de especies estratéxicas para as pesqueiras galegas, tales como a pescada, o rodaballo, mexillóns, ameixas, berberechos...

O persoal investigador responsables do desenvolvemento do paquete de accións do proxecto #CienciasMariñasGal, un equipo formado por preto de 30 persoas, entre as que figuran membros do grupo de Xenética da UVigo que dirixe Armando Caballero, mantivo este mércores unha xuntanza de traballo na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, no marco da que, de xeito colaborativo, intercambiaron información e resultados de laboratorio orientados a mellorar a xenética das especies acuáticas, a través da identificación dos xenes implicados nos procesos de acumulación de toxinas ou das, entre outras, patoloxías provocadas por parasitos, ademais de para facelas máis resilentes ao cambio climático.

O grupo de traballo do proxecto Ciencias Mariñas de Galicia, unha iniciativa financiada con fondos Next Generation, coordinado por Martínez e Casas e no que participa persoal dos principais centros de investigacións mariñas, busca aplicar os avances recentes en xenómica para abordar desafíos chave na xestión sostible de recursos de acuicultura e pesca. Cun enfoque colaborativo, integrador e multidisciplinar, este grupo investigador promove a cooperación entre institucións e expertos, desenvolvendo ferramentas avanzadas como a secuenciación de xenomas e a identificación de marcadores para mellorar a xestión pesqueira e a produción acuícola.

A transformación da xestión pesqueira e acuícola mediante a aplicación de coñecementos xenómicos avanzados e un dos cometidos deste programa, que procura tamén unha xestión máis sostible e eficiente dos recursos mariños en acuicultura e pescada e busca reducir as incidencia de enfermidades detectadas en moluscos, ademais de avanzar na exploración de tecnoloxías innovadoras como chips multiespecie de SNPs e aplicacións bioinformáticas para mellorar a selección na produción acuícola.
                    

 

Participantes no grupo de traballo 6 do programa Ciencias Mariñas de Galicia, en Veterinaria
Participantes no grupo de traballo 6 do programa Ciencias Mariñas de Galicia, en Veterinaria
The contents of this page were updated on 04.18.2024.