Skip to main content
  • USC

O consorcio europeo NOSEVAC reúnese os días 23 e 24 no CiMUS

De esquerda a dereita, María José Alonso e Noémi Csaba
De esquerda a dereita, María José Alonso e Noémi Csaba
Este proxecto colaborativo europeo, promovido polos grupos de María José Alonso e Noémi Csaba, estuda o tratamento de alternativas fronte ás infeccións respiratorias bacterianas e virais

Medio cento de especialistas reuniranse a vindeira semana no CiMUS para poñer en común avances e estratexias a desenvolver ao abeiro do consorcio europeo NOSEVAC, promovido polo grupos que dirixen as investigadoras María José Alonso e Noémi Csaba, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas. Este proxecto europeo traballa no estudo e tratamento de alternativas fronte ás infeccións respiratorias bacterianas e virais, con especial atención a patóxenos causantes de enfermidades como a tosferina, a neumonía, a gripa ou a COVID-19, cun importante impacto na saúde pública.

A xuntanza que se vai desenvolver no CiMUS da USC entre os días 23 e 24 de abril permitirá a posta en común de aspectos relacionados coa valoración ética e psicolóxica da vacinación nasal, a preparación fronte epidemias, a avaliación preclínica de modelos animais, formulación de nano-vacinas e a experiencia da USC neste eido e a inmunidade das vías respiratorias mediante vacinas ou modelado matemático de bioprocesos implicados nesta área.

Ata 2028, o consorcio traballará para crear vacinas nasais combinadas, dirixidas ás infeccións respiratorias máis agresivas por bacterias, ademais de desenvolver vacinas nasais bivalentes para previr a COVID-19 e a gripe. “Ata o momento, as vacinas dispoñibles fronte estas ferramentas adminístranse por inxección intramuscular ou subcutánea e non prevén eficazmente a colonización do trato respiratorio superior”, explica a investigadora Noémi Csaba, polo que o seu impacto na transmisión de patóxenos é limitado.

Prevención
O consorcio NOSEVAC, coordinado pola Iniciativa Europea de Vacinas (EVI), traballa no deseño e avaliación de plataformas de vacinas nasais como un enfoque innovador para previr a etapa máis temperá da infección, inhibindo así a colonización, transmisión e enfermidade do tracto respiratorio superior. Ao seu abeiro confórmase un equipo colaborativo formado por 12 socios e composto por grupos singulares de investigación de entidades públicas privadas e empresas biotecnolóxicas da Unión Europea, Reino Unido e Suíza.

O proxecto contempla o desenvolvemento das seguintes candidatas a novas vacinas nasais con especial atención ao desenvolvemento de formulacións de vacinas para a administración nasal de antíxenos baseados en ARN e proteínas; o descubrimento de antíxenos bacterianos que favorezan a colonización do epitelio respiratorio; identificar os factores inmunitarios do hóspede humano para xerar protección a longo prazo; e abordar a aceptabilidade da vacinación nasal na poboación xeral.

Cun financiamento de 11 millóns de euros, NOSEVAC prevén establecer vías estratéxicas de investigación para combater os patóxenos respiratorios que abarquen os de potencial para desencadear grandes brotes.

 

The contents of this page were updated on 04.19.2024.