Skip to main content

Últimos días para solicitar praza no Campus de Verán XuvenCiencia

O alumnado poderá elixir entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades. FOTO: XuvenCiencia
O alumnado poderá elixir entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades. FOTO: XuvenCiencia
A metade das prazas ofertadas outorgaranse na orde da recepción da solicitude e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito
Lugo

A duodécima edición do Campus de Verán XuvenCiencia da USC mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o vindeiro 12 de maio, ás 23.59 horas, a través do formulario en liña que pode atoparse na súa páxina web. Esta iniciativa dirixida a estudantado de 3º e 4º da ESO, BAC e ciclos medios de Formación Profesional outorgará a metade das prazas ofertadas na orde da recepción da solicitude e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito.

Obradoiros, visitas a centros de investigación do Campus de Lugo e da contorna da cidade, así como múltiples actividades de lecer integran o diverso programa desta iniciativa dirixida a estudantado preuniversitario e no que se involucra o conxunto de facultades e escolas do Campus de Lugo. Ademais, o alumnado poderá elixir entre proxectos de tipo biosanitario, científico experimental, de ciencias sociais e humanidades, nos que se achegará ao día a día da investigación académica que se realiza na Universidade de Santiago de Compostela.

Entre as novidades desta edición, destaca o proxecto ‘Enfermaría, farmacia e medicina: traballando pola nosa saúde’ no que se desenvolverán actividades que mostren o coidado da saúde nas persoas. Toma de constantes vitais, realización de probas diagnósticas, manexo de materiais cirúrxicos para a realización de curas, administración de medicación subcutánea e control de sueroterapia, con contido teórico e práctico mediante simulación clínica, serán algúns dos contidos a desenvolver no marco deste proxecto para coñecer a situación clínica das persoas e a actuación en determinadas situacións onde hai alteración do estado da saúde. Esta actividade terá lugar no Hospital Universitario Lucus Augusti e na Escola Universitaria de Enfermaría.

A actividade ‘XuvenFeira: Tecnoloxías do futuro na EPSE. Heroínas con súperpoderes e Industria 5.0: Como o imperio construíu a Estrela da Morte’ permitirá coñecer, no Laboratorio de PEMADE, as vantaxes do emprego da madeira na construción das cidades e as múltiples posibilidades neste ámbito. Pola súa parte, o Laboratorio de Parasitoloxía acollerá o obradoiro ‘As carrachas, presuntas culpables’, no que se afondará nas carrachas que se poden atopar en Galicia e nas enfermidades que transmiten a través do desenvolvemento dun caso clínico.

Interactuar cos coidadores robóticos que nos acompañarán no futuro, así como aprender a combater os insectos pragas dun xeito respectuoso co medio ambiente, producindo e liberando inimigos naturais, será a meta da actividade ‘XuvenFeira: Tecnoloxías do futuro na EPSE. Aliens & Predators contra as pragas dos cultivos e Coidadores robóticos’, outra das novidades que ofrecerá XuvenCiencia no seu programa de actividades que se desenvolverá do 30 de xuño ao 6 de xullo no Campus de Lugo e que se atopa integrado por un amplo abano de actividades e de proxectos. O alumnado estará acompañado por Monitorado Científico da USC e pola tarde-noite con monitores titulados pertencentes á ADC Lumieira.

The contents of this page were updated on 05.09.2024.