Skip to main content

Troya-Mentoring, formación inclusiva para unha empregabilidade sen barreiras

AMSlab é unha das empresas participantes ao acoller en prácticas a estudantado do programa
AMSlab é unha das empresas participantes ao acoller en prácticas a estudantado do programa
Impulsado pola Aula TIC PEMEs da USC no Campus de Lugo, a segunda edición deste proxecto leva dende o mes de febreiro formando a oito persoas con discapacidade intelectual e desempregadas que agora comezan a súa fase de prácticas en empresas
Lugo

O proxecto da USC no Campus de Lugo Troya-Mentoring loita para que o mercado de traballo non sexa un espazo excluínte e pretende incrementar a empregabilidade das persoas con discapacidade intelectual na provincia. Impulsado pola Aula TIC PEMEs, a segunda edición deste proxecto leva dende o mes de febreiro formando a preto dunha decena de persoas con discapacidade intelectual e desempregadas para que profunden no coñecemento interno das empresas. De feito, as persoas participantes no programa acaban de iniciar a súa fase de prácticas que se prolongará ao longo dos meses de maio e xuño, experiencia que lles permitirá poñer en valor nunha contorna real todos os contidos adquiridos nas últimas semanas. A profesora da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, Ángeles López Cabarcos, é a responsable dun proxecto co que se quere “sensibilizar as empresas locais” en materia de emprego e discapacidade.

Os contidos impartidos no marco de Troya-Mentoring relaciónanse co desenvolvemento de habilidades empresariais orientadas a mellorar a empregabilidade de persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual. Os coñecementos que se imparten ao longo de 30 horas, están relacionados fundamentalmente con actividades administrativas da empresa. A meta é que o alumnado adquira habilidades que lle permitan desenvolverse con éxito nese eido. Transcorrido o período formativo na USC, o estudantado realiza un período de prácticas en empresas e institucións reais durante 100 horas. “O obxectivo é achegar as empresas a este tipo de alumnado para provocar na medida do posible o seu acceso con éxito a postos laborais de calidade”, explica a profesora Cabarcos.

Metodoloxía

A primeira fase desenvolveuse de forma presencial na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC. Para a súa execución, a Aula TIC PEMEs conta cun equipo interdisciplinario de docentes que se encargaron de impartir os contidos formativos. O alumnado tivo, no Campus Terra, apoio personalizado e adaptado ás súas necesidades específicas. A formación presencial complementouse con formación virtual para completar e ampliar os contidos, facilitar a asimilación de conceptos, e garantir a resolución de dúbidas.

A docencia impartida é integramente inclusiva, “cunha formulación didáctica acorde coas necesidades do alumnado”, destaca Ángeles Cabarcos. Por iso, as actividades programadas e os materiais didácticos empregados atópanse completamente orientados a este fin. “Preténdese que durante a impartición dos módulos se leven a cabo actuacións de diferentes tipos encamiñadas a fomentar a participación e integración do alumnado dende o inicio”, engade. Ademais, as técnicas de ensino contemplan o traballo cooperativo e colaborativo para que o alumnado estableza vínculos entre si e aprenda o significado do traballo en equipo, “algo realmente útil para integrarse con éxito no mundo laboral real”, subliña Ángeles López Cabarcos.

Voluntariado

Troya-Mentoring conta coa implicación do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC (SEPIU) a través da figura do Voluntario/a Troya Mentoring (VTM). Deste xeito, cada alumno/a inscrito no programa pode contar co seu VTM persoal que o apoia ao longo do proceso e moi especialmente durante o período de prácticas. “O labor do VTM é proporcionar apoio personalizado ao alumnado sobre calquera cuestión que poida xurdir no desenvolvemento das súas prácticas empresariais”, destaca a profesora Cabarcos. Deste xeito, as persoas VTM deben facer un labor de “acompañamento integral” que redunde no benestar do alumnado e das empresas.

Empresas

A superación da fase formativa do proxecto supón a obtención dun certificado expedido pola USC acreditativo de que o alumnado adquiriu as habilidades empresariais necesarias para facilitar a súa inserción no mercado laboral. As empresas participantes nesta segunda edición de Troya-Mentoring son Arenal Perfumerías Plásticos Arias, Cafés Candelas, Pescados Rubén, AMSlab, Torre de Núñez, VrioPack, Establecimientos Rey e El Progreso. A iniciativa está promovida conxuntamente coa Asociación Síndrome de Down de Lugo.

Foto de familia con todo o alumnado participante
Foto de familia con todo o alumnado participante
The contents of this page were updated on 05.15.2024.