Skip to main content

Día das Letras Galegas na BUSC

Ilustración: Elena Rey
Ilustración: Elena Rey
A BUSC únese a celebración do Día das Letras Galegas en honor a Luísa Villalta coa exposición das obras da escritora coruñesa e a publicación dunha guía web como xeito de recoñecer o seu traballo a prol do idioma e da cultura galega

O vindeiro venres celébrase o Día das Letras Galegas, que nesta ocasión ten como protagonista á escritora coruñesa Luísa Villalta. Dende a BUSC sumámonos a esta homenaxe con diversas actividades.

Guía web
A BUSC vén de publicar a guía web dedicada a Luísa Villalta como autora homenaxeada neste 2024. Nela podemos atopar un repaso da súa biografía e unha relación das obras da autora existentes no catálogo da BUSC, incluíndo libros, libros en colaboración, traducións, artigos e capítulos de libros. Esta guía contén tamén unha ampla bibliografía arredor da figura de Luísa Villalta, na que diversos autores analizan a obra da escritora coruñesa e a súa pegada na literatura galega.
 
Biblioteca Xeral 
A Biblioteca Xeral organiza co gallo do Día das Letras  unha mostra bibliográfica relacionada coa obra de Luísa Villalta que se pode visitar no espazo expositivo da sala de lectura. Nela podemos atopar obras da autora coruñesa como "O outro lado da música, a poesía",  "Pensar é escuro" e "En concreto", obra poética coa que acadou o premio Espiral Maior de Poesía.

Ademais, están expostas as escolmas da súa obra dramática, poética e narrativa, xunto a ensaios relacionados coa súa obra, como "Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta" de Xurxo Souto, ou a biografía "Abonda con vivir" da escritora Montse Dopico.

A mostra bibliográfica pode visitarse na sala de lectura da Biblioteca Xeral
A mostra bibliográfica pode visitarse na sala de lectura da Biblioteca Xeral

Biblioteca de Filoloxía
Con motivo do Día das Letras Galegas 2024, a Biblioteca de Filoloxía organiza a mostra bibliográfica “Luísa Villalta: todos os versos, todas as cores”. Na mostra recompílanse títulos propios da autora, así coma outros títulos que estudan e afondan na súa figura tanto persoal como artística.

 A exposición estará na entrada da Biblioteca dende o 16 de maio ata o 7 de xuño.  A biblioteca homenaxea así a Luísa Villalta neste seu 17 de maio e, ao mesmo tempo,  impulsa o coñecemento da súa obra e da súa figura.