Skip to main content

Alumnado de Infantil do CEIP Vite I visitou as aulas de Ciencias da Educación como parte dun proxecto que busca o respecto pola diversidade lingüística e cultural

Foto dun momento da experiencia co estudantado universitario e o grupo do CEIP Vite I
Foto dun momento da experiencia co estudantado universitario e o grupo do CEIP Vite I
A actividade forma parte do programa de Aprendizaxe e Servizo Coas palabras na terra no que participan estudantes do Grao de Mestre en Educación infantil

O alumnado de Educación infantil (5 anos) do CEIP compostelán de Vite participou este mércores, acompañado pola súa mestra Teresa Márquez, nunha xornada lúdica na aula universitaria da USC da materia Educación e Linguas en Galicia do Grao de Mestra en Educación infantil.

A visita tivo lugar no marco da acción de Aprendizaxe e Servizo ‘Coas palabras na terra’ da materia Educación e Linguas en Galicia do Grao de Mestre en Educación infantil. O proxecto de innovación educativa Paseos DiverTIc: Coas palabras na Terra busca xerar conciencia medioambiental nos axentes sociais participantes e poñer en valor a diversidade lingüística e cultural presente nos centros educativos, tanto na etapa infantil como na universitaria, co deseño de diferentes paseos activos polo parque da Música.

Acompañados polas mestras Alicia Leboráns, Andrea Pérez e Teresa Márquez, ao longo dos percorridos polo parque o alumnado de 3, 4 e 5 anos do CEIP de Vite desenvolveu tarefas de xogos lingüísticos e actividades de escoita da natureza deseñadas polo estudantado do Grao en Educación Infantil, onde os sons do vento entre as árbores, da auga e o canto dos paxaros e dos parrulos convertéronse en leccións vivas de conexión co medio ambiente.

A actividade deste mércores, pensada para fortalecer a diversidade lingüística e cultural, foi unha experiencia enriquecedora tanto para os pequenos como para o estudantado universitario. As crianzas participaron en diversos xogos, cancións e historias que lles permitiron afianzar os percorridos realizados nos paseos polo Parque da Música. Ademais, visualizaron as fotos do horto do colexio onde plantaron sementes de linguas, un acto simbólico que representa o compromiso coa promoción da diversidade lingüística, sementando o respecto e a inclusión dende a primeira infancia.

Con esta iniciativa, o proxecto de Aprendizaxe e Servizo busca contribuír á semente para unha xeración máis consciente, comprometida co coidado do noso planeta e a preservación da diversidade lingüística e cultural.

The contents of this page were updated on 05.15.2024.