Skip to main content

Explorer premia en Lugo produtos dixitais innovadores, unha nova fórmula para lactantes e ferramentas preditivas en explotacións

Foto de familia cos participantes no programa
Foto de familia cos participantes no programa
O USC Lugo Space recoñeceu os proxectos Novatech, PRO A2 e Optimuu polo seu compoñente innovador, o potencial que poden chegar a adquirir no mercado e a súa viabilidade
Lugo

O proxecto Novatech, promovido por Eduardo Ulloa, proclamouse vencedor na última edición do programa Explorer do USC Lugo Space. Galardoado co premio Revolut, dotado con 400 euros e unha estadía internacional, a iniciativa premiada desenvolve produtos dixitais en trinta días para empresas, startups, axencias e consultoras que queren abrir novas liñas de negocio, conseguir os primeiros clientes, ou impulsar rondas de financiación. Ademais crean os seus propios produtos SaaS (Software as a Service) e contan cunha metodoloxía propia para maximizar os resultados dos seus clientes.

Nerea González, Rocío Barreiro, Laura SanJulián, Cristina Fente, Patricia Regal e Alexandre Lamas integran o proxecto PRO A2, que se situou no segundo chanzo e foi premiado con 200 euros e unha estadía internacional. PRO A2 constitúe unha nova fórmula infantil para bebé elaborada con ingredientes funcionais, de proximidade e baixo selos de benestar animal e con subprodutos de industria láctea, que promoven a saúde do lactante.

Finalmente, o terceiro posto foi para Optimuu de Aina Mena, unha interface personalizable para control e xestión de explotacións lácteas que inclúe un modelo preditivo. A través de Intelixencia Artificial e matching learning permite a visualización e interpretación de datos recompilados na automatización de procesos no sector gandeiro. Aina Mena tamén realizará unha estadía internacional grazas ao USC LUGO SPACE, alén de recibir 100 euros. Ademais, esta iniciativa foi seleccionada por un xurado global de Explorer 2024 como un dos 30 proxectos finais que recibirán formación en  crowfunding.

A xornada que tivo lugar o pasado 23 de maio, acolleu a presentación de sete proxectos que foron avaliados por un xurado composto por Elvira López Mosquera, delegada do Reitor para o Campus Terra; Pablo Fernández López, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia; José Luís Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC; Alejandro Álvarez Álvarez, director do Work Café Santander da USC no Campus de Lugo; Iría Quintás Pazo, presidenta da Lug Open Factory; e Ergin Kamerov Pose, CEO e co-fundador de Embermind Technologies S.L. A valoración do xurado fíxose en base á presentación de cada proxecto, o seu compoñente innovador e proposta de valor, o potencial que pode chegar a adquirir no mercado, ou a viabilidade, entre outros criterios.

A sesión de entrega de galardóns que se desenvolveu no edificio Cactus do Campus de Lugo contou coa participación de Jose Luis Villaverde Acuña, director da AVTE; Cesar Abilleira, CTO e co-fundador, quen abordou a experiencia de Alumni Explorer USC Lugo Space co proxecto ‘Embermind Technologies S.L’; e Patricia González, coordinadora do programa no USC LUGO SPACE.

Emprendemento

A USC sumouse, nos seus campus de Santiago e Lugo, a unha nova edición do programa Santander X Explorer, que leva xa catorce anos fomentando o emprendemento nas súas etapas máis temperás e apoiando a conversión de ideas en proxectos e solucións innovadoras. O programa diríxese a persoas emprendedoras de doce países (Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, México, EEUU, España, Perú, Portugal, Reino Unido e Uruguai) e conta, nesta edición, con Colombia como última incorporación.

En Santander X Explorer, cunha duración de doce semanas, as persoas participantes reciben formación en liña sobre sesións de resolución de dúbidas con especialistas, a interacción en diversas plataformas sociais ou as talkX nas que os e as participantes debaten sobre emprendemento e mostran as súas ideas ante fundadores de startups e figuras de relevancia internacional. A formación en liña e presencial con metodoloxía “learning by doing”, a validación das ideas de negocio e o desenvolvemento das habilidades necesarias para transformar proxectos en solucións viables e sostibles son as ferramentas que atopan as persoas  participantes do programa.

O programa Santander X Explorer axuda a que o estudantado conecte co seu futuro, experimentando o emprendemento como opción profesional. Cun enfoque práctico e baseado en dinámicas de aprendizaxe social, Santander X Explorer está deseñado para que as persoas participantes se convertan en parte activa do cambio a través da posta en marcha de proxectos economicamente sostibles en distintas industrias, sectores e tipoloxías de organizacións.

O programa que se desenvolveu no USC Lugo Space contou co apoio do Banco Santander, o Centro Internacional Santander Emprendemento, o proxecto Campus Terra, a Xunta de Galicia, Lug Open Factory, Embermind Technologies e o Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

 

The contents of this page were updated on 05.27.2024.