Skip to main content

Estudantado de Humanidades deseña unha estratexia en TikTok para divulgar a muralla de Lugo entre a poboación ‘centennial’

De esuqerda a dereita, Lucía Alonso, Paula Dorado e Natalia Novás
De esuqerda a dereita, Lucía Alonso, Paula Dorado e Natalia Novás
Lucía Alonso, Paula Dorado e Natalia Novás crean vídeos nos que difunden o patrimonio lucense reiventando intres icónicos da cultura popular. A iniciativa enmárcase no proxecto MURUS no que as profesoras Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre afondan en como a arquitectura influíu en celebracións como o Arde Lucus
Lugo

Considérase ‘centennial’ a rapazada nacida a partir do ano 2000 e que, polo tanto, coñece dende sempre os teléfonos móbiles e o tipo de linguaxes que promoven estes dispositivos. Impactar na tamén denominada como xeración Z non é doado se non se manexan as claves das redes sociais. Por ese motivo, estudantado da Facultade de Humanidades acaba de deseñar unha estratexia para divulgar a muralla de Lugo entre este segmento da poboación a través de TikTok.

As estudantes Lucía Alonso, Paula Dorado e Natalia Novás crearon un perfil nesa canle social para difundir vídeos cos que dan a coñecer o patrimonio lucense reiventando con sentido do humor intres icónicos da cultura popular. A actividade que se desenvolve no marco das materias de Antropoloxía cultural e Análise das manifestacións culturais nos medios, ambas as dúas do cuarto curso do grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, é tamén froito do proxecto europeo MURUS (MUrailles Romaines à l’Unesco et Sociétés), cuxo propósito reside na análise das dinámicas turísticas e patrimoniais arredor dunha candidatura a patrimonio Unesco para as cidades de Le Mans, Lugo e Roma.

 Segundo explican as estudantes, a súa tarefa consistiu en guionizar, producir e gravar dez vídeos para TikTok, a rede social de uso máis crecente entre a rapazada centennial. “Utilizamos varias estratexias para divulgar o coñecemento da muralla de Lugo ou dalgún aspecto desta, pero a principal foi facer trends”. Un trend, engaden, é un tipo de frase, contido ou referencia que está en tendencia en redes sociais nun determinado momento: pode ser un baile, unha canción, un audio ou a parodia dalgún acontecemento de actualidade ou dalgunha escena dunha serie de televisión. “Nós tiramos partido deses trends e adaptámolos ao contido que queremos divulgar, é dicir, relacionámolo directamente coa muralla. Consideramos que os trends son o xeito máis doado de chegar á xente, xa que ao empregar un audio ou unha canción viral é máis fácil que o algoritmo de TikTok lles amose os vídeos a máis usuarios”, explican as estudantes do Campus Terra da USC.

Lucía Alonso, Paula Dorado e Natalia Simón botan man para os seus vídeos de momentos icónicos da cultura pop. Por exemplo, empregan como referencia unha frase da película Blade Runner 2049 que di “You look lonely, I can fix that” (Semellas solitaria, pero eu podo arranxalo) mentres contemplan a muralla lucense. “A xente comezou a subir os seus propios vídeos, nos que ollaban de xeito hipnotizado algo que lles gustaba, impresionaba ou admiraban. Nós fixémolo mirando a muralla de Lugo, un ben mundial que se conserva completo e ao que podes acceder cando queiras. Responde á idea de que o patio da túa casa é a humanidade”, relatan as estudantes do Campus de Lugo da USC.

O  tema de apertura de Shingeki no Kyojin (Ataque aos titáns) serve como inspiración para outro dos vídeos destas alumnas de Ciencias da cultura, xa que neste anime xaponés “a trama ten lugar dentro de tres murallas ou muros, que tamén teñen varias entradas e que funcionan como protección contra monstros xigantescos”. Con este vídeo en concreto, comentan, o propósito é chegar “a aquelas persoas interesadas polo manga, o anime e a cultura xaponesa en xeral”. Do mesmo xeito, aproveitan recursos virais tirados de programas de televisión como Operación Triunfo ou Masterchef e tamén da serie Paquita Salas, de grande pegada na cibercultura contemporánea.

Os vídeos están dispoñibles tamén na rede social X (anteriormente coñecida como Twitter), baixo o usuario @Muralla_Lugo, coa idea de facelos accesibles tamén para aquelas persoas que por rango de idade ou intereses non seguen as tendencias de TikTok. Tal e como explican as estudantes, “ao perfil de X puxémoslle como data de nacemento o 30 de novembro de 2000, a data na que a muralla de Lugo se converteu en Patrimonio da Humanidade da Unesco”.

 Proxecto europeo MURUS

O proxecto MURUS no que tamén se enmarca esta iniciativa está liderado pola universidade francesa de Le Mans e nel tamén interveñen La Sapienza de Roma (Italia) e a USC a través das profesoras Elena Freire Paz e Marta Veiga Izaguirre, que imparten as materias Antropoloxía cultural e Análise das manifestacións culturais nos medios, respectivamente. Dentro do mesmo proxecto MURUS organizáronse durante o curso 2023/2024 dúas sesións de grupo de discusión con alumnado tanto do grao de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural como de Xestión Cultural, nas que se puxeron en común a relación destes estudantes cunha mostra patrimonial como é o caso da muralla de Lugo, o coñecemento que teñen deal e os hábitos que desenvolven ao seu redor. Destes grupos de discusión saíu a elaboración dun cuestionario por parte do estudantado, que eles mesmos despois dirixiron ás súas amizades. “Interésanos saber a relación das persoas residentes coa muralla de Lugo e como dita arquitectura influíu na propia cidade, cun exemplo clarísimo como é a celebración da festa do Arde Lucus”, sinalan as profesoras.

O propósito do proxecto MURUS reside na análise das dinámicas turísticas e patrimoniais arredor dunha candidatura a patrimonio Unesco para as cidades de Le Mans, Lugo e Roma. As tres cidades teñen en común que posúen murallas de época tardorromana. O grupo de traballo do MURUS está conformado por un equipo interdisciplinario de especialistas en ciencias sociais de diferentes institucións. Tamén participan nesta iniciativa equipos das universidades de Bretagne Occidentale, Angers e La Sorbonne, todas elas en Francia.

Dende a Universidade de Le Mans, promotora do MURUS, buscouse a participación do Campus de Lugo da USC como principal institución académica e investigadora nunha cidade que xa atesoura máis de vinte anos de experiencias logo de ser a súa muralla declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2000. A implicación da área de Antropoloxía Social da USC permite achegarse, a través de métodos de investigación participativos, ás estratexias de valorización e á mudanza das actitudes sociais da poboación da cidade de Lugo.

Captura de pantalla dun dos vídeos
Captura de pantalla dun dos vídeos
The contents of this page were updated on 06.17.2024.