Skip to main content

A EPS de Enxeñaría actualizará a metodoloxía para o inventario mundial de sistemas agroforestais grazas a un convenio firmado coa FAO

Imaxe de arquivo do equipo da profesora Mosquera mentres traballa nun sistema agroforestal
Imaxe de arquivo do equipo da profesora Mosquera mentres traballa nun sistema agroforestal
O acordo subscrito entre a USC e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura pretende ser un punto de inflexión no camiño cara ao uso sustentable da terra e dos seus recursos
Lugo

A USC e a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) avaliarán de xeito conxunto a situación actual dos sistemas agroforestais a nivel internacional a través do deseño dunha metodoloxía de traballo que permita actualizar as bases de datos dos diferentes inventarios nacionais. O traballo que estará liderado dende a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC e dirixido pola catedrática da área de Produción Vexetal, María Rosa Mosquera Losada, é froito dun convenio asinado por ambas as institucións coa vontade de dar resposta ao acordado na  vixésimo oitava sesión do Comité de Agricultura da FAO, así como na vixésimo sexta xuntanza do seu comité centrado no eido forestal. Os dous foros puxeron en evidencia a necesidade de desenvolver un estudo que permitise observar, analizar e controlar os diversos sistemas de uso da terra existentes no mundo para poder avanzar cara ao seu desenvolvemento sustentable.

Comprender mellor o alcance e o potencial dos sistemas agroforestais, é dicir, dos xeitos de usar a terra mediante a combinación —en tempo e espazo— de especies forestais con especies agronómicas, na procura dun conxunto sostible, é —a xuízo da FAO— un reto fundamental para os vindeiros anos para garantir a sustentabilidade  dos sistemas agrarios e forestais. De feito, os respectivos inventarios nacionais poden non ter calibrado de xeito idóneo a capacidade dos seus sistemas agroforestais, eiva que na actualidade pode paliarse a través da teledetección e das imaxes satelitais de maior resolución, pero tamén a través do control sobre o propio terreo, estratexias todas elas que xustifican a necesidade dunha renovación na abordaxe destes inventarios. Neste senso, o traballo que a USC desenvolverá para a FAO ata 2025 permitirá incorporar datos nos respectivos informes nacionais, tamén no relativo á súa planificación de futuro e conectalos cos obxectivos de redución de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Tal e como explica a profesora Rosa Mosquera, un dos principais obxectivos deste acordo consistirá en “fortalecer as metodoloxías existentes para avaliar a extensión das prácticas agroforestais a nivel local, rexional, nacional e global”. Ao mesmo tempo, a investigación centrarase en consolidar e complementar a información recompilada nas Global Forest Resources Assessments (FRA) que a FAO desenvolve dende o ano 1946 e que proporciona información esencial para comprender o alcance dos recursos forestais, o seu estado, a súa xestión e os seus usos. Tamén se completará a base de datos FAOSTAT que ofrece acceso libre a estatísticas sobre alimentación e agricultura —incluídos os subsectores dos cultivos, gandaría e actividade forestal— correspondentes a máis de 245 países e territorios. Ademais, proporcionaranse recomendacións para o seguimento e a  presentación de informes agroforestais que despois pasarán a incorporarse a bases de datos como a FRA.

Logo dunha revisión sistemática das metodoloxías existentes a nivel internacional, desenvolverase unha proposta para mellorar o seguimento e as estatísticas agroforestais a nivel mundial, alén de coorganizar e asumir a dirección técnica dun taller de especialistas para validar as recomendacións propostas. A continuación terá lugar unha experiencia piloto en localizacións xeográficas de diversos continentes nas que se recompilarán e analizarán resultados, os cales tamén serán validados nun obradoiro con especialistas. Esta fase do proxecto é fundamental xa que permitirá “identificar brechas e posibles camiños a seguir”, conclúe a profesora Mosquera.

 

Tal e como explica a profesora Rosa Mosquera, un dos principais obxectivos deste acordo consistirá en “fortalecer as metodoloxías existentes para avaliar a extensión das prácticas agroforestais a nivel local, rexional, nacional e global”
Tal e como explica a profesora Rosa Mosquera, un dos principais obxectivos deste acordo consistirá en “fortalecer as metodoloxías existentes para avaliar a extensión das prácticas agroforestais a nivel local, rexional, nacional e global”
The contents of this page were updated on 06.20.2024.