Skip to main content

AF4EU impulsará un programa de formación en asesoramento agroforestal coas experiencias dunha decena de países europeos

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acolleu en xuño a terceira xuntanza da rede de innovación galega na que se presentaron os módulos formativos de asesoramento agroforestal asociados a Galicia como parte do traballo desenvolvido noutras 11 zonas europeas no mesmo período
A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acolleu en xuño a terceira xuntanza da rede de innovación galega na que se presentaron os módulos formativos de asesoramento agroforestal asociados a Galicia como parte do traballo desenvolvido noutras 11 zonas europeas no mesmo período
A catedrática da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo, Rosa Mosquera, lidera esta iniciativa pioneira de intercambio de coñecemento que botará a andar en 2025
Lugo

A Rede de Innovación Rexional Agroforestal (RAIN) desenvolverá, no marco do proxecto de Sistemas Agroforestais para a Unión Europea AF4EU, un programa de formación en materia de asesoramento agroforestal que se nutrirá das achegas e innovacións xeradas ao abeiro deste consorcio, integrado por un total de 11 Redes Rexionais europeas de Innovación en Sistemas Agroforestais (RAINs). Este sistema formativo recolle, polo tanto, a posta en común de diversas experiencias a través do continente europeo, “nunha proposta de intercambio de coñecemento inédita ata o de agora”, explica a coordinadora do proxecto e catedrática de Produción Vexetal da USC no Campus Terra, María Rosa Mosquera Losada. O proxecto AF4EU desenvólvese ao abeiro do programa marco de investigación e innovación da UE, Horizonte Europa. 

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría acolleu en xuño a terceira xuntanza da rede de innovación galega na que se presentaron os módulos formativos de asesoramento agroforestal asociados a Galicia como parte do traballo desenvolvido noutras 11 zonas europeas no mesmo período. Este programa consistirá no desenvolvemento de capacidades de asesoramento e de técnicas agroforestais. A formación pretende resolver puntos claves e problemáticas descritas polo sector e asociadas aos sistemas agroforestais, alén de  intercambiar potenciais solucións e información, que, a través das redes temáticas, poden dar resposta a necesidades reais. 

O programa de asesoramento agroforestal iniciarase en 2025 e abordará dende técnicas de comunicación para construír e xestionar relacións profesionais, comprensión das dinámicas de grupo e manexo de problemas comúns; ata a elaboración de visións e obxectivos estratéxicos, a realización de análises DAFO (fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas); monitorización de tendencias; así como planificación, execución e control da implantación da estratexia; e ferramentas e métodos para xerar ideas e accións de innovación. Na parte de técnicas agroforestais, o programa complementará o libro “vivo” en liña Agroforestrynet.eu que incluirá temas sobre cadeas de valor no eido agroforestal. De feito, na última xuntanza validáronse un total de 13 cadeas de valor claves para a xestión agroforestal en Galicia: agroturismo, pasto, viño é mazá, micorriza-fungos, mel, cabras de leite, olivo, carne, noces e castañas, froitos vermellos, plantas aromáticas e madeira.

O obxectivo de AF4EU é a promoción de prácticas agroforestais óptimas a través do desenvolvemento dunha rede ampla e interactiva, impulsada pola innovación e que responda aos intereses de todos os axentes implicados. Esta rede ou plataforma internacional colaborativa baséase no intercambio de experiencias prácticas de éxito e coñecementos de investigación existentes. De feito, recolle o coñecemento e boas prácticas en distintas rexións bioxeográficas no eido dos agroecosistemas e de cadea de valor de Europa para poñelas a disposición dos usuarios/as finais como é o caso dos e das profesionais da agricultura, silvicultura, asesoramento e lexislación, economía, ou sustentabilidade. Este proxecto liderado dende a USC estenderase ata o ano 2025 e atópase dotado cun financiamento de 2.996.460 euros.

 

A profesora Rosa Mosquera é a coordinadora do proxecto
A profesora Rosa Mosquera é a coordinadora do proxecto
The contents of this page were updated on 07.05.2024.