O Museo de Historia Natural incorpora ás súas salas unha exposición temporal sobre plásticos nos océanos
![A mostra poderase ver ata finais de setembro A mostra poderase ver ata finais de setembro](/sites/default/files/styles/content_inner_main_image/public/image/2024-07/expo_plasticos.jpg?h=5cc03866&itok=_MzYbl6R)
As salas do Museo de Historia Natural (MHN) da USC acollen este verán, ata finais de setembro, unha exposición temporal que trata o tema dos plásticos nos océanos e que estará aberta ao público con entrada de balde ata finais de setembro. Esta mostra pretende sensibilizar sobre este problema medioambiental para que se lembre a importancia das xigantes masas de auga e como advertencia do impacto negativo que teñen as actividades humanas sobre elas.
A exposición consta de cinco paneis informativos e unha vitrina co contido estomacal dun cifio (Ziphius cavirostris) varado na Coruña no ano 2023, cedido pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), como testemuño do impacto devastador dos plásticos na vida mariña.
O horario para contemplar esta e as outras mostras que acolle o MHN é de martes a sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas e os domingos en horario de mañá; a partir do 14 de setembro abre polas mañás ás 10.00 horas. O Museo permanecerá pechado os días 15, 16, 17 e 18 de agosto.