Skip to main content

A Filosofía sae á rúa

A Filosofía sae á rúa
A Filosofía sae á rúa

Un ano máis, a Facultade de Filosofía da USC organiza toda unha serie de actividades arredor do Día Internacional da Filosofía que se celebra o 16 de novembro.

O programa ‘Filosofía na rúa’ comeza esta tarde, ás 20.00 horas no Café Airas Nunes, cunha mesa de discusión sobre a posverdade organizada en colaboración coa revista Lume e Nexos. Participan no debate o decano da facultade compostelá, José Miguel Sagüillo; o catedrático de Filosofía Miguel Vázquez; Zeltia Laya, do colexio Fingoi de Lugo; o doutor en filosofía Abraham Rubín; e Elena Galkina, do IES Rosalía de Castro.

Este martes está prevista, ás 19.00 horas no Salón de actos da facultade, a conferencia ‘A nostalxia das cousas, a arqueoloxía dos sentimentos e o trampantoxo foucaultiano’ a cargo do catedrático de Historia Antiga José Carlos Bermejo. A xornada dese día rematará ás 21.00 horas cun recital de poesía filosófica no Café Caldeirería.

Os sentidos de ‘independencia’ será o asunto a tratar o mércores 15 ás 19.00 horas de novo na facultade, cun debate aberto no que participarán o escritor Suso de Toro e os profesores da USC Lourenzo Fernández Prieto, Xavier Vence Deza e Rafael Martínez Castro.

As actividades desta semana péchanse o xoves, ás 19.00 horas en Filosofía, coa conferencia ‘A India no pensamento alemán’ do investigador de Historia da USC Pedro Andrés Piedras Monroy.

Vindeira semana
O programa de ‘Filosofía na rúa’ terá continuidade nos próximos días. Así, o martes 21 ás 17.00 horas na Facultade a profesora da Autónoma de Barcelona Victoria Camps pronunciará o relatorio ‘A cidadanía no século XXI’, mentres que o xoves 23 ás 19.00 horas terá lugar a conferencia ‘Mulleres, LGTBI, Queers e +’ a cargo de Lourdes Méndez, da Universidade do País Vasco.

A maiores, entre este mércores e o venres 17 a Aula 3 da Facultade acollerá unha exposición fotográfica da autoría de Aldana Colman Rucco e Sergio Gonzáklez Cancela.

The contents of this page were updated on 11.13.2017.