Skip to main content

A mocidade investigadora ibérica converte Lugo en capital do coñecemento sobre o uso sustentable da terra e os seus recursos

O acto ten lugar na EPSE
O acto ten lugar na EPSE
O Campus Terra da USC impulsa a primeira edición dun congreso que ata o mércores 16 servirá de foco para despregar alianzas que teñen na innovación e no territorio o seu punto de ancoraxe
Lugo

“Sodes o futuro”. Con estas verbas se dirixiu o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, ao máis dun cento de participantes na primeira edición do Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora do Campus Terra que botou a andar este luns 14, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC. Ata o vindeiro mércores 16, Lugo convértese en capital da investigación e a divulgación científica grazas a un amplo e diverso programa integrado por especialistas dunha ducia de institucións, entre universidades e centros de investigación. En total, o foro que se desenvolve baixo o lema ‘Raíces do coñecemento’, aborda nove liñas de pescuda que van dende a produción vexetal sostible, a produción e saúde animal sostibles, alimentación segura e saudable, xestión forestal sostible, tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), tecnoloxías ‘ómicas’, cambio climático, unha única saúde, ata chegar á historia e cultura no medio rural.

No acto inaugural, Francisco Fraga salientou o incremento no número de estudantado do Campus de Lugo, así como a forza do seu músculo innovador xa que cada vez “estamos a captar máis persoal investigador de prestixio”, engadiu. Na mesma liña se pronunciou Elvira López Mosquera, a delegada do reitor para o Campus Terra, quen puxo o foco “no éxito de participación”, en parte grazas a que a organización do foro está liderada pola propia mocidade investigadora que realizou un traballo “en tempo récord”. “Vós sodes os protagonistas e estou convencida do voso éxito”, díxolles. Pola súa parte, Rosa Romero, a directora da EPSE, tivo palabras de agradecemento para o conxunto de institucións presentes no acto xa que estase a realizar un esforzo colectivo para “traballar na proxección do campus”. “Tedes un futuro prometedor”, dixo dirixíndose ao persoal investigador máis novo, “porque posuídes ánimo e coñecemento”. 

O secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a alcaldesa do Concello de Lugo, Paula Alvarellos; e o deputado provincial da Área de Medio Ambiente, Carlos López, tamén interviñeron na sesión de apertura do Congreso. Díez de Castro centrou a súa intervención en como o Campus Terra é froito dun “programa pioneiro” no conxunto do Estado para lograr “que os campus universitarios non centrais compitan en igualdade de condicións co resto”, polo que contan cun financiamento específico. Neste senso, o secretario xeral de Universidades lembrou que o Campus Terra obtivo a súa acreditación como campus de especialización ata 2025 e que, tal e como sucede cos restantes campus acreditados, é sometido a unha minuciosa e esixente avaliación que vai superando con éxito. O Campus Terra atópase, dixo, “na súa fase de expansión”.

Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo destacou que o congreso consta de tres xornadas “moi intensas”. “Xa estades aquí e xa sodes persoal investigador”, afirmou dirixíndose á mocidade que se dá cita no foro. “O voso é un mundo apaixonante e tremendamente importante”, dixo. “Estades a facer que Lugo sexa cidade referente, este Campus pon a Lugo no mapa”, salientou con orgullo Paula Alvarellos. Finalmente, o deputado provincial Carlos López centrou as súas palabras no papel que xoga a educación superior pública no seu vínculo coa terra. Tal e como destacou, a formación que se artella no campus de Lugo defínese polo seu “compromiso co territorio”. 

Programa

A comunidade universitaria e cidadanía, no seu conxunto, poden achegarse a coñecer de primeira man a investigación que as xeracións máis novas están a realizar no campus, así como aquelas outras liñas de traballo que na contorna ibérica se están a desenvolver no mesmo eido de actuación deste campus de especialización. De feito o foro recibe especialistas procedentes da UVigo, UDC, INL-International Iberian Nanotechnology Laboratory (Portugal), Universidad Nacional de Caaguazú (Paraguay), Universidade Federal de Viçosa (Brasil), Universidade Estadual de Londrina, Londrina, Paraná (Brasil), Universidad Nacional Autónoma de México, Universidade do Porto, CIIMAR - Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Portugal), Universidad de León, Universidad de Oviedo e Universidade de Coimbra, ademais de persoal investigador da USC. O programa que xa pode ser consultado en liña nútrese con arredor de 70 presentacións orais e preto de 40 pósters. 

O Congreso será tamén marco para a sesión ‘Impulsando a investigación: novidades e estratexias nas convocatorias para persoal investigador pre e post doutoral’ que se desenvolverá o martes 15, de 15.30 a 17.30 horas. Dirixida á comunidade universitaria no seu conxunto, a sesión debullará convocatorias para formación de persoal investigador que verán a luz a través de institucións como a Xunta de Galicia (GAIN), Agencia Española de Investigación, as bolsas do European Research Council ou os programas impulsados dende a Fundação para a Ciência e a Tecnologia (Portugal). Ademais, o mércores 16, de 16.00 a 18.00 horas, será a quenda de ‘Colaboración universidade e empresa: raíces para un futuro sostible’ no que se darán cita empresas de sectores aliñados coas liñas de investigación do Congreso para coñecer os seus plans de investigación, necesidades de persoal, así como a opinión que teñen da formación que se imparte nas universidades. 

O principal obxectivo deste congreso é crear un ambiente de encontro entre a mocidade investigadora ibérica, presentando as súas investigacións e no que poidan xurdir diversas colaboracións. De feito, o foro diríxese a estudantado de grao, mestrado, doutoramento, posdoutorais e novo persoal investigador interesado en compartir os seus resultados e poñerse en contacto con especialistas doutras areas. 

O Campus Terra de Lugo, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, nace como resultado do acordo entre a USC e a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, coa intención de transformar o Campus de Lugo nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.

 

The contents of this page were updated on 10.14.2024.