Skip to main content

O grupo operativo Funtrapa avanza no control parasitario das explotacións que traballan baixo o esquema do benestar animal

Funtrapa investiga o uso de fungos para coidar a saúde das galiñas
Funtrapa investiga o uso de fungos para coidar a saúde das galiñas
O proxecto deseñouse, tal e como explica a investigadora da USC no Campus Terra, María Sol Arias Vázquez, para “cubrir unha necesidade esencial na gandería en pastoreo ou extensiva”
Lugo

O Grupo Operativo Funtrapa desenvolveu este xoves 17 o seu evento final de peche de proxecto e presentación de resultados nunha sesión que puido seguirse en liña. O grupo xurdiu en 2022 para mellorar a sustentabilidade da produción animal en explotacións que traballan baixo o esquema de benestar animal e utilizan sistemas de alimentación baseados no pastoreo.  O proxecto deseñouse, tal e como explica a investigadora da USC no Campus Terra, María Sol Arias Vázquez, para “cubrir unha necesidade esencial na gandería en pastoreo ou extensiva, que se refire ao control parasitario”. 

Os réximes pastorís contribúen ao benestar dos animais e á obtención de alimentos de características únicas, altamente apreciadas polas persoas consumidoras. Con todo, estes cambios non se acompañaron de solucións sostibles que mitiguen ou reduzan os problemas e perdas asociados a infeccións parasitarias, facendo posible a súa prevención sen recorrer a tratamentos con produtos químicos. A pesar da súa elevada eficacia, estes tratamentos poden constituír un inconveniente que entra en confrontación coa biodiversidade de microorganismos esenciais. A solución proposta por este grupo operativo consiste na distribución dunha mestura de fungos capaces de destruír parasitos que se atopan no solo e que poden ter un impacto nocivo en animais e persoas. 

“Estes fungos atópanse habitualmente na natureza, son inocuos para microorganismos de vida libre, especies animais e mesmo persoas, así como para plantas”, explica a investigadora. A distribución realizada mediante a pulverización directa en cortellos e zonas de pastoreo, ou en terreo con sementes forraxeiras previamente mergulladas no medio líquido cos fungos, diminuíu o risco de infección por endoparasitos por debaixo do 40% en galiñas poñedeiras e en leitóns en cebo. Practicamente desapareceron as lesións provocadas por estes patóxenos (arredor do 10%), e todo isto conseguiuse ademais cunha única desparasitación por ano, antes de que os animais entren nos pastos. 

A xornada que puido seguirse en liña, contou cos relatorios de representantes das catro entidades galegas que conforman o equipo operativo: o grupo de investigación Control das parasitas en animais e persoas: diagnóstico, prevención e tratamento (COPAR) da Universidade de Santiago de Compostela, FEUGA, o produtor Pazo de Vilane, e a Asociación PRODEME. Entre todos deron conta de como se levou a cabo o tratamento con fungos e cal foi o seu efecto sobre as enfermidades parasitarias.

O proxecto Funtrapa está financiado polas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, con fondos propios da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. 

The contents of this page were updated on 10.18.2024.