Skip to main content

Xornada sobre o conflito palestino-israelí

10.30.2024 | 17.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

O mércores 30 de outubro desenvolveranse dúas mesas redondas baixo os lemas ‘As pezas do conflito’ e ‘A loita pola causa’, con achegas desde a historia ou a antropoloxía

Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite

Co título de ‘Miradas complementarias. Unha análise multidisciplinar do conflito palestino-israelí en Oriente Próximo’, desenvolveranse na Facultade de Filosofía o mércores 30 de outubro desde as 17.00 horas unha xornada na que se fará un achegamento á cuestión desde distintos puntos de vista, que inclúen a filosofía, a política, a historia ou a antropoloxía. Organizan o encontro a USC, a través da Comisión para o desenvolvemento de accións a prol da comunidade universitaria de Palestina impulsada polo seu Reitorado e a Facultade de Filosofía, e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas. A entrada é libre ata completar a capacidade do espazo; tamén se poderá seguir en liña.

O evento será inaugurado pola vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; o decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato; e o codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Axuda Humanitaria (IECAH), Jesús Núñez.

Esta iniciativa busca promover e fomentar o achegamento entre as culturas galega e árabes, mediterráneas e hispanoamericanas a través da reflexión intercultural, no marco do protocolo asinado entre ambas o 18 de xullo, que contempla a realización de propostas baseadas na expresión cultural encamiñadas á formación, divulgación, investigación ou á sensibilización social da cidadanía e da comunidade universitaria.

Nesta liña, a xornada que terá lugar en Filosofía profunda na idea de achegar propostas que axuden a reflexionar e comprender mellor cuestións coma as abordadas nestas mesas redondas.

‘Miradas complementarias’ comeza coa mesa redonda ‘As pezas do conflito. Elementos históricos, sociopolíticos e ético-filosóficos’, que modera Jesús Núñez Villaverde, co director do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Axuda Humanitaria. Nela participan o profesor de Historia Contemporánea, Antonio Míguez Macho; o de Ciencia Política e da Administración, Antón Losada; e o de Filosofía Moral e Política Luís García Soto, todos eles da USC.

A segunda mesa redonda terá lugar a partir das 18.45 horas, baixo o lema ‘A loita pola causa palestina dende a sociedade civil organizada e o activismo’, e modéraa a profesora de Antropoloxía Social da USC Guadalupe Jiménez Esquinas. Tomarán parte o empresario e presidente de honra da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Ibrahim; a doutora en Comunicación e Conflito pola Universidade Carlos III e defensora dos dereitos humanos Leila Nachawati; e a representante da Asociación Galaico Árabe Jenín e activista Sara Ashour.
 

Cartel da xornada
Cartel da xornada
The contents of this page were updated on 10.25.2024.