Skip to main content

O Museo de Historia Natural conmemora o décimo aniversario en Vista Alegre cun coloquio e unha mostra

Vista parcial do interior do Museo. FOTO: MHN
Vista parcial do interior do Museo. FOTO: MHN
A riqueza e diversidade das coleccións é froito do traballo e xenerosidade de persoal científico e coleccionistas dos séculos XIX, XX e XXI, en gran parte residentes en Galicia

O xoves 31 de outubro o Museo de Historia Natural (MHN) da USC conmemorará o décimo aniversario da súa apertura no edificio do Parque Vista Alegre cunha charla coloquio que terá lugar ás 17.00 horas, e na que participarán antigos directores e colaboradores do MHN, que ofrecerán unha visión do traballo realizado ao longo dos anos nos que estiveron asociados a este museo.

Ás 19.00 horas terá lugar a inauguración dunha pequena exposición temporal que fará un percorrido histórico pola evolución do museo. Durante toda a tarde, de 16.30 a 20.00 horas, a entrada ao museo será gratuíta, ofrecendo a toda a cidadanía a oportunidade de ver as súas instalacións. A entrada é libre ata completar a capacidade do espazo.

O actual espazo do Museo, cedido polo Consorcio da Cidade de Santiago, permitiu a súa renovación completa, xa que anteriormente se atopaba nos sotos da Facultade de Química. O traslado, liderado pola entón directora, María Isabel Fraga Vila, tivo lugar en novembro do 2011, e tras preto de tres anos de intensos traballos de preparación e montaxe das novas instalacións, a súa reapertura á sociedade en outubro do 2014 supuxo o comezo dunha nova etapa de profundos cambios, tanto nas salas expositivas como nas actividades de docencia, investigación e divulgación científica.

Un museo con historia
A súa orixe como Gabinete de Historia Natural remóntase ao século XVIII, aínda que a súa creación oficial foi no curso 1840-41, coa primeira cátedra de Historia Natural da USC. O Gabinete transfórmase en Museo en 1906, na Facultade de Xeografía e Historia, e en 1960 trasládase á Facultade de Química. En 2014 abre as súas portas no Parque Vista Alegre. A riqueza e diversidade das coleccións que alberga este museo, co seu enorme valor científico, histórico e didáctico, é froito do traballo e xenerosidade de persoal científico e coleccionistas dos séculos XIX, XX e XXI, en gran parte residentes en Galicia.

Micromecenado
O Museo pretende agora estender esta colaboración e compromiso a toda a comunidade universitaria e á cidadanía en xeral para que sexan partícipes do seu propósito científico cunha campaña de micromecenado a través da plataforma da USC Sumo Valor. Cos fondos recollidos, o Museo prevé organizar actividades coas que lle dar maior visibilidade ao centro e poñer en valor os seus fondos. Así, haberá charlas-coloquio abertas ao público, con persoas fondamente ligadas ao Museo, ben porque traballaron nel, porque estudaron a súa historia ou porque fan uso del na súa práctica científica. Asemade, organizará unha exposición sobre a súa historia e as actividades desenvolvidas nestes derradeiros anos.
 

Mapa de Galicia coas rochas correspondentes a cada comarca. FOTO: MHN
Mapa de Galicia coas rochas correspondentes a cada comarca. FOTO: MHN
The contents of this page were updated on 10.24.2024.