Comezan os Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago
Nun tempo “no que están en tela de xuízo a Filosofía e as Humanidades aspiramos a reflexionar e valorar a importancia destas dúas disciplinas para a formación das futuras xeracións”. O catedrático de Filosofía Marcelino Agís sintetizou nestas liñas o obxectivo dos XIV Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago que se celebrarán entre este xoves 9 e o sábado 11 co lema ‘A filosofía hoxe: necesidade das humanidades na construción do mundo do futuro’. A Facultade de Filosofía acollerá as xornadas os días 9 e 10 mentres que o día 11 se trasladará á sede de AFundación na rúa do Vilar.
Logo do acto inaugural previsto para este xoves ás 9.30 horas, o profesor da Universidade de Salamanca José Mª García Gómez-Heras pronunciará a conferencia que inicia a quenda de intervencións co título ‘Filosofía e hermenéutica: os novos desafíos éticos’. Deseguido celebrarase o primeiro panel dedicado a analizar a necesidade da Filosofía e as Humanidades. Ás 12.00 horas presentarase o volume Identidade, Memoria e Historia, editado pola USC en 2016 e que recolle as actas dos duodécimos encontros, para dar paso ao panel que analizará a incidencia da era dixital no ámbito das humanidades.
Pola tarde, ás 16.00 horas comezará o primeiro Simposio Internacional de Estudos Xaponeses, cuxa conferencia inaugural impartiraa Wataru Hirata, da Universidade de Kansai, para falar sobre a filosofía de vida dos líderes xaponeses despois da Restauración da Era Meiji de 1868. Seguiranlle unha serie de intervencións orientadas á análise da estética en Xapón, a introdución da filosofía occidental nese país ou sobre literatura, entre outras cuestións. Como peche desta primeira xornada está previsto unha velada musical xaponesa ás 22.00 horas na Igrexa da Universidade protagonizada pola shakuhachi, a frauta xaponesa. O obxectivo do simposio, como remarca a vicepresidenta da Sociedade Galega de Estudos Nipóns Minako Takahashi, é compartir “a nosa paixón e espertar o interese polo estudos xaponeses en Galicia” contribuíndo paralelamente á súa difusión académica.
A Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) organiza estes Encontros dedicados a reflexionar sobre a situación da Filosofía e as Humanidades nas sociedades actuais, a súa presenza e adecuación aos novos tempos, a súa necesidade e pertinencia. Tamén se abordarán, como explica Marcelino Agís Villaverde, o desenvolvemento das humanidades na era dixital, a filosofía na ensinanza ou a situación da filosofía en Galicia. Os Encontros de Filosofía celébranse con carácter bienal dende o ano 1993 o que ten posibilitado a participación no seus distintos programas de especialistas de máis de 65 universidades de todo o mundo ou a publicación, ata o momento, de doce libros de actas.
Homenaxe a Carlos Baliñas
Ademais, este ano os XIV Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago estrean o Premio Sapientia a unha vida de traballo e dedicación á Filosofía. Na súa primeira edición, o galardoado será o profesor Carlos Baliñas Fernández, pola súa dilatada traxectoria nesta área de coñecemento así como polo seu labor na fundación da actual Facultade de Filosofía. Ademais o docente será obxecto dunha homenaxe coa celebración o último día do programa dunha sesión específica dedicada á filosofía en Galicia.
Os Encontro de Filosofía contan coa colaboración das vicerreitorías de Internacionalización e de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, así como da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.