O físico greco-francés Jean Iliopoulos é unha das figuras clave na consolidación do Modelo Estándar da física de partículas. Un dos tres autores (xunto ao premio Nobel de Física Sheldon Glashow e Luciano Maiani) do mecanismo GIM, a proposta teórica que en 1970 postulou a existencia do quark encantado, visita Santiago de Compostela co gallo da Semana da Ciencia do IGFAE. Na súa conferencia, que levará por título 50 anos que cambiaron a física fundamental: de moitos modelos a unha teoría, contará ao público como o descubrimento que impulsou desde a perspectiva teórica supuxo un cambio radical na percepción da estrutura fundamental da materia, impulsando unha nova visión sobre a natureza das forzas fundamentais.
Despois de graduarse na Escola Politécnica de Atenas e traballar en institucións como o CERN ou Harvard, Iliopoulos (Kalamata-Grecia, 1943) desenvolveu boa parte da súa carreira na École normale supérieure de París. Foi un dos fundadores do prestixioso Laboratorio de Física Teórica desta institución, que dirixiu entre 1991 e 1995 e 1998 e 2002. Desde 2002 é membro da Academia Francesa de Ciencias, e recibiu importantes recoñecementos como o premio Dirac (2007) xunto ao seu colega Luciano Maiani, ou o premio en Física de Altas Enerxías e de Partículas da Sociedade Europea de Física (2011), xunto a Maiani e Glashow.