A exposición, localizada na galería orientada ao norte da planta baixa da Facultade de Ciencias da Comunicación, compleméntase coa proxección do filme Persépolis e un centro de interese localizado na biblioteca.

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolle, do 18 ao 28 de febreiro, a exposición itinerante "8 libros, 8 mulleres que cambiaron o mundo", unha mostra organizada pola Biblioteca Universitaria, creada como unha homenaxe á influencia transformadora que teñen as mulleres na literatura e na sociedade.
Poderá visitarse na galería orientada ao norte da planta baixa da facultade. A idea orixinal e o deseño pertencen a Pedro Quílez e a mostra xa percorreu diversas bibliotecas do Estado.
A mostra estrutúrase en nove paneis, un introdutorio e oito dedicados a cada unha das autoras e ás súas obras. Cada obra escollida é unha peza chave que reflicte loitas, emocións e reflexións sobre temas universais como a igualdade, a liberdade e a xustiza así como o papel transformador da escrita feminina en ámbitos como a ecoloxía, a literatura e a política.
Como complemento ao paso da exposición pola Facultade de Ciencias da Comunicación, o Club de Cine FACOM e a biblioteca programaron dúas actividades:
O Club de Cine FACOM proxectará Persépolis (Marjane Satrapi e Vincent Paronnaud, 2007) cun coloquio posterior o xoves 27 de febreiro ás 17.00 h, no auditorio da facultade. Este filme, adaptación do cómic homónimo da directora e guionista, recolle temáticas presentes nas obras das autoras protagonistas da mostra.
A biblioteca preparou un centro de interese no que se reúnen un conxunto variado de recursos relacionados coa temática da exposición. Ademais dos títulos protagonistas, escolléronse outras obras das autoras, como Ve y pon un centinela de Harper Lee ou Mathilda de Mary Shelley; adaptacións ao cómic como a Matar a un reiseñor e adaptacións cinematográficas como a de Frankestein de James Whale ou Matar a un reiseñor de Robert Mulligan; libros sobre a vida e obra das autoras, como a de Rita Corsi sobre Hannah Arendt ou o de Paul Brooks sobre Rachel Carson.
