
Aínda que a obra non fora entregada ata o ano seguinte, o nomeamento do Dr. D. Ramón María Aller Ulloa como Director do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago de Compostela o 27 de setembro de 1943 marcou o inicio das actividades deste prestixioso centro da Universidade de Santiago de Compostela.
O Observatorio, inicialmente equipado practicamente só cos instrumentos traídos desde Lalín polo Padre Aller pero que no transcurso do tempo transformouse nunha referencia única no Sistema Universitario de Galicia en canto a investigación, docencia e divulgación astronómica, e mesmo no ámbito internacional no eido das Estrelas Dobres e Múltiples.
Por outra banda, a Sección de Astronomía Teórica e Matemática "Durán Loriga" creada dentro do Observatorio en 1945 polo profesor Enrique Vidal Abascal, pode considerarse o berce da Sección de Matemáticas na Facultade de Ciencias, hoxe en día, Facultade de Matemáticas.
Así mesmo, a garita meteorolóxica instalada polo profesor Aller no xardín do Observatorio hai máis de setenta anos, permitiu establecer desde 1982 unha colaboración estable coa denominada actualmente Agencia Estatal de Meteorología.
Porén cómpre non esquecer os difíciles anos polos que pasou o Observatorio logo do pasamento do fundador en 1966 cando estivo incluso comprometida a súa continuidade, ata que en 1981 coa chegada dun profesor doutor de Astronomía iniciouse a recuperación física e científica do Centro.
Ramón María Aller Ulloa

Ramón María Aller Ulloa naceu no pazo de Filgueiroa (Lalín, Pontevedra) o 3 de febreiro de 1878, na casa solariega dos Ulloa. Estuda bacharelato no colexio dos Xesuitas de A Guarda, ingresando posteriormente no Seminario de Lugo, onde ós 20 anos de idade, antes de ser subdiácono, obtivo a licenciatura e o doutorado en Sagrada Teoloxía.
Ó terminar os seus estudios sacerdotais fixérase a promesa de non acceder a ningún cargo relixioso nin recibir polo seu ministerio sacerdotal ningunha clase de retribución. É entón cando decide desenvolver a súa segunda vocación e no curso 1899-1900 comeza a estudar por libre na Universidade de Oviedo o primeiro curso de Ciencias Exactas. Posteriormente segue a carreira na Universidade de Madrid onde a conclúe en 1904.
D. Ramón dispuña xa desde a súa época de seminarista dun anteollo de 67mm. de abertura que lle regalara a súa avoa materna Dna. Camila Ulloa, instrumento co que empezou a practicar a súa afición astronómica. Anos máis tarde, a Srña. María Lajosa Sánchez, tamén de Lalín, obsequiou a D. Ramón cun magnífico teodolito construido en Londres.
Con estes aparatos colocados na galería da súa casa comenza a realizar de xeito sistemático observacións astronómicas de calidade a pesar dos escasos medios dos que dispuña, de sorte que no Anuario do Observatorio de Madrid correspondente a 1912 aparece recollido un traballo seu: "Observaciones del cometa de Joannesburgo 1910a".
A partir de tal publicación pode dicirse que empeza a ser coñecido nos medios astronómicos españois.
Entre os anos 1911 e 1920 pasa longas temporadas estivais no Observatorio que D. Luis Ocharán construira en Castro Urdiales e foi grazas a esta experiencia cando concibe a idea de construir en Lalín un Observatorio Astronómico estable. E así foi. En 1917 no xardín da súa casa levantara o que adoita denominarse o segundo Observatorio. Éste estaba formado por dúas casetas de madeira que resgardaban o teodolito unha delas e un anteollo a outra, ademáis de algúns instrumentos auxiliares e un cronómetro de marina.
Con esta nova instalación as súas observacións alcanzan unha admirable precisión, ó tempo que efectúa minuciosos estudios teóricos de instrumentos, aparecendo varias publicacións súas na "Revista de la Sociedad Astronómica de España y América".
Resulta nembargantes curioso que o primeiro libro escrito por el non foi de Astronomía senón de Matemáticas. "ALGORITMIA" viu a luz en 1918 e foi patrocinado polo seu tío D. Saturnino Aller a quen dedica a obra. Precisamente ó falecer D. Saturnino queda D. Ramón cos seus bens en usufructo durante varios anos e co diñeiro que iso lle reportou decide potenciar os seus medios de observación facéndose cun refractor de 120 mm. de abertura e 1800 mm. de distancia focal.
Para albergar semellante instrumento era preciso modificar a estrutura do seu Observatorio e construir unha cúpula. As obras dirixidas por el mesmo concluíron en 1924, recibindo o novo aparato ó ano seguinte.
Nada máis ser instalado o refractor, selecciona minuciosamente o programa científico a seguir, a discusión do cal se pode ver no artigo "Programa del Observatorio de Lalín" publicado en 1932 en "Arquivos do Seminario de Estudos Galegos".
Fundamentalmente o programa quedou establecido da seguinte maneira: 1º Medidas de estrelas dobres, 2º Exame de superficies planetarias e 3º Observacións ocasionais, onde se poden incluir ocultacións, posicións de cometas, estrelas fugaces, etc.
As medidas micrométricas de estrelas dobres visuais comezaas a publicar en 1930 na revista xermana ASTRONOMISCHE NACHRICHTEN que daquela era a principal revista astronómica europea. Anos máis tarde tamén nesta mesma publicación dá a coñecer a órbita da estrela dobre 0S77 á que seguiron outras máis. Por todo isto pode decirse que foi o introductor do estudo das estrelas dobres en España, tema no que chegou a crear unha importante escola posteriormente en Santiago.
Ata o ano 1939, D. Ramón deu a coñecer nada menos que 43 traballos en revistas tanto españolas como extranxeiras ademáis do libro ALGORITMIA, escribindo tamén un excepcional texto manuscrito sobre Astronomía no que viña traballando dende a súa xuventude. A isto hai que engadir o estudio e deseño de aparatos científicos que chegaron a interesar a constructores alemáns. Todo isto fixo que o Observatorio de Lalín tivese un recoñecemento internacional a pesar da súa modestia e do seu plantel unipersoal.
Chamaba particularmente a atención o gran partido que D. Ramón lle sacaba ós seus instrumentos e a meticulosidade coa que facía os seus cálculos e observacións.
Pero ademáis disto facía moitas outras cousas, proxectaba planos de casas e igrexas e incluso daba clases ós rapaces lalinenses, tanto de Xeografía como de Matemáticas, Latín, etc., e todo isto de forma gratuita.
Chegou incluso a facer de biógrafo ó térselle encargado un traballo sobre Rodríguez González "o matemático de Bermés".
Unha vez concluida a Guerra Civil española, a Universidade de Santiago dispuña dun reducido claustro e alguén suxeriu ó entón rector D. Carlos Ruiz del Castillo que D. Ramón podería prestar un importante sevicio, e, en efecto, convencerono para que se transladara a Compostela a impartir as materias de Análise Matemática e Xeometría Analítica na Facultade de Ciencias.
Aínda que a idea de trasladar o Observatorio de Lalín a Santiago xa fora concebida antes de 1936 polos profesores D. Luis Iglesias e D. Isidro Parga, foi agora con D. Ramón en Santiago cando tomou máis corpo a idea, e, a non dubidalo, as xestións que realizou perante o Consello Superior de Investigacións Científicas (C.S.I.C.) o profesor D. Enrique Vidal Abascal, foron o detonante para que o Rectorado da Universidade dera o visto bo co patrocinio do propio C.S.I.C.
O Observatorio Astronómico da Universidade construiuse ó longo de 1943 e constaba de tan só un pequeno edificio coas cúpulas nas que se instalaron os instrumentos que viñeron de Lalín, se ben coa promesa de ir aumentando no futuro tanto as instalacións como o material científico de observación.
Os primeiros anos en Santiago foron de especial actividade. O día 30 de xuño de 1943 le D. Ramón a súa Tese de Doutoramento na Universidade de Madrid. O tema era outro dos seus preferidos: "Algunas experiencias que conviene realizar en observaciones de pasos por verticales". Ese mesmo ano é nomeado Director do Observatorio Astronómico e tamén en 1943 aparece a primeira edición de INTRODUCCIÓN A LA ASTRONOMÍA, magnífico libro que recollía integramente en letra impresa o manuscrito antes mencionado
Por outra banda, o instrumental do Observatorio viuse aumentado grazas á doación por parte do C.S.I.C. dun anteollo de pasos que fora solicitado por D. Ramón a fin de poder continuar as súas investigacións en astronomía de posición.
En anos sucesivos o Observatorio convertiuse nun centro de excelente ambiente académico en torno ó cal se agruparon estudosos tanto de Astronomía como de Matemáticas. D. Ramón sentíase ledo de verse rodeado por unha xuventude entusiasta sobre todo se temos en conta os longos anos de soidade científica que pasou en Lalín. Así, en 1945 creouse dentro do Observatorio a Sección de Astronomía Teórica e Matemática "Durán Loriga", con membros como os profesores D. Enrique Vidal Abascal (primeiro Director) e D. Eduardo García-Rodeja Fernández. Esta sección pode dicirse que foi o xerme a partir do cal xurdiría anos máis tarde a Sección de Matemáticas da Facultade de Ciencias, hoxe Facultade de Matemáticas.
A pesar dos escasos medios de observación dispoñibles, case os mesmos que en Lalín, o traballo desenvolvido era intenso e o Observatorio nos anos cuarenta e cincuenta encontrábase a pleno rendemento. Entre os feitos máis destacados acaecidos neste periodo de tempo cabe destacar os seguintes:
- Lectura da Tese de Doutoramento de D. Enrique Vidal Abascal que co título "El problema de la órbita aparente de las estrellas dobles visuales" foi dirixida por D. Ramón e lida en Madrid en 1944.
- Construcción mediante deseño de D. Ramón dunha base especial para o anteollo de pasos a fin de poder realizar observacións de pasos polos verticais de azimut +- 45º , así como o deseño dun reloxo de tempo sidéreo.
- Inauguración da Serie "Publicaciones del Observatorio de Santiago" onde están recollidos moitos dos traballos realizados no Centro, sobre todo de medidas micrométricas de estrelas dobres visuais, ocultacións, observacións de pasos, así como outros traballos relativos a investigacións teóricas.
- Creación da Cátedra de Astronomía na Facultade de Ciencias en 1944, encargándose dela D. Ramón ata 1949 no que foi nomeado Catedrático Extraordinario de Astronomía.
- Nomeamento de D. Ramón como membro da Comisión 26 (estrelas dobres) da Unión Astronómica Internacional (Zurich, 1948). Ó ano seguinte foi nomeado vocal da Comisión Nacional de Astronomía.
- Publicación en 1948 do libro ASTRONOMÍA A SIMPLE VISTA.
- Ampliación do Observatorio coa Sala Meridiana, edificio da biblioteca, despachos e vivenda do Conserxe.
- Incorporación de varios becarios e colaboradores entre os que se encontraron: D. José Pensado Iglesias (que logo foi Director do Observatorio de Madrid), D. Rafael Cid Palacios (Catedrático de Astronomía da Universidade de Zaragoza), D. Ángel Docobo Fernández (tío de D. José Angel Docobo Durántez, actual Director do Observatorio), Dna. Antonia Ferrín Moreiras, D. Jesús Manuel Costa Seoane, D. Juan Antonio Zaera de Toledo, e un longo etcétera, sen esquecer ó seu fiel axudante e Conserxe D. Venancio Froiz Gómez.
- Tese de Doutoramento do profesor Cid Palacios co título: "Contribución al estudio de estrellas dobles visuales" tamén dirixida por D. Ramón.
- Publicación da 2ª Edición de INTRODUCCIÓN A LA ASTRONOMÍA igualmente patrocinada polo C.S.I.C. (1957).
Entre 1960 e 1963, a pesar de contar con máis de oitenta anos, aínda dirixe tres Teses máis: a de Múgica Buhigas, "Über die Anwendung des Theodolits in der Geodätischen Astronomia" (Munich, 1960), a de Zaera de Toledo "Sobre la determinación de órbitas de estrellas dobles visuales. Examen de varios métodos. Aplicaciones."(Zaragoza, 1962) e a de Ferrín Moreiras, "Observaciones de pasos por dos verticales" (Santiago, 1963), ó tempo que comeza a recibir os primeiros homenaxes, os que, por certo, trataba sempre de evitar. O principal deles foi sen dúbida o que lle tributaron os seus veciños de Lalín o 4 de setembro de 1960 co gallo de terlle sido concedida a Gran Cruz da Orden Civil de Alfonso X o Sabio.
Posteriormente rúas de Santiago, A Coruña, Vigo e Lalín levaron o seu nome.
Dúas foron as súas liñas de investigación preferidas: os métodos de determinación de coordenadas basados en observacións de pasos por dous verticais e as estrelas dobres visuais, pero nos 53 anos que van dende a aparición do seu primeiro artigo ata o último, D. Ramón escribiu tamén de forma maestra sobre outros moitos temas tales como observacións de cometas, superficies planetarias, instrumentación, reloxería, auroras boreais, estrelas fugaces, eclipses, tránsitos, descrición dos seus observatorios, etc. Asimesmo entre 1947 e 1949 realizou crítica bibliográfica sobre tratados de Astronomía na "Revista de Geofísica" e, como xa se comentou anteriormente, a petición do Seminario de Estudos Galegos foi autor da primeira biografía do seu paisano Pedro José Rodríguez González, excelente xeodesta do século XIX que chegou a ser Director do Observatorio de Madrid.
No campo puramente matemático tivo tamén D. Ramón unha destacable contribución en artigos sobre a teoría parabólica dos erros, conxuntos e números finitos indefinidos e transfinitos, principios da teoría de conxuntos, etc.
A súa sensibilidade e finura didáctica quedaron inmortalizadas nos libros que nos deixou. En "ALGORITMIA. Principios fundamentales de la Ciencia de los números" recolle con nítida claridade os principais temas da Análise Matemática, dende a noción de número enteiro, ata as ecuacións diferenciais. "INTRODUCCIÓN A LA ASTRONOMIA" foi unha aportación trascendental. Tanto na súa primeira edición de 1943 como na segunda de 1957, fai unha detallada exposición das distintas partes desta rama da Ciencia a fin de dar dela unha visión de conxunto. Ámbas edicións, que inclúen numerosos conceptos teóricos, exemplos prácticos e dibuxos orixinais, foron libros de texto e consulta nas Facultades de Ciencias durante anos. "ASTRONOMÍA A SIMPLE VISTA" é un interesante libro de divulgación dirixido fundamentalmente a aqueles que, carecendo de medios, están igualmente interesados en coñecer a fermosa ciencia dos astros. Trátase dunha obra moi documentada que cubríu un baleiro na época na que foi escrita. Este libro foi reproducido no seu 50º aniversario, conxuntamente polo Concello de Lalín e a Universidade de Santiago de Compostela.
Entre 1931 e 1934 apareceron tamén na revista LOGOS diversos ensaios seus escritos en língua galega, os cales foron reeditados en 1989 pola Diputación Provincial de Pontevedra con prólogo de D. Xosé Filgueira Valverde.
Tendo caído enfermo en 1964, decide regresar a Lalín onde falece o 28 de marzo de 1966 ós 88 anos de idade.
Á súa morte dona ó Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago os seus instrumentos así como a maioría dos seus fondos bibliográficos.
Este home que dedicou a súa longa vida á Ciencia e ó servicio ó próximo, non puido dispor dos medios de observación necesarios para ampliar as súas investigacións. En reiteradas veces solicitou o que nun principio se lle prometera, ou sexa, poder contar cun refractor de polo menos 30 cms. de abertura, instrumento que el considaraba o mínimo imprescindible. Nembargantes as súas peticións non chegaron a ser atendidas polos organismos oficiais.
A súa producción científica, tendo en conta os medios, a época e os lugares onde a desenvolveu, foi excepcional: 78 publicacións entre artigos, notas e comentarios bibliográficos, 4 libros, 5 Teses de Doutoramento dirixidas, 4 estrelas dobres descubertas, autor de numerosos deseños de aparatos científicos e un sen fin de observacións, cálculos, notas e catálogos estelares que quedaron inéditos. Por todo isto é considerado como unha das principais autoridades astronómicas españolas.
Nembargantes, o seu mellor legado foi, sen dúbida, o non cuantificado, é dicir, a bondade, modestia, humildade, rigor científico e dedicación ós demáis, do que sempre fixo gala. Como ben dicía o profesor Vidal Abascal, a obra maestra de D. Ramón foi a súa vida.