Skip to main content

O verán comeza na madrugada do venres ao sábado

Esta estación prolongarase ata as 20.19 horas do 22 de setembro. FOTO: Santi Alvite
Esta estación prolongarase ata as 20.19 horas do 22 de setembro. FOTO: Santi Alvite
Segundo o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, esta primavera foi moi semellante á pasada en termos meteorolóxicos, con 49 días de precipitación

O verán dará comezo no hemisferio norte ás 4.42 horas da madrugada deste venres 21 ao sábado. Será cando o Sol estea no punto Cáncer da eclíptica, ou solsticio de xuño, acadando a máxima elevación con respecto ao ecuador celeste (declinación máxima). “Nestes días, polo tanto, teremos a meirande diferencia entre o día e a noite, con mais de 16 horas de luz na nosa latitude, incluíndo a crepuscular”, explica o profesor José Ángel Docobo, coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

“Porén, debido a que o tempo oficial non se mide con respecto ao Sol senón usando o chamado Sol medio, xa foi o 15 de xuño cando o Sol saíu antes e será o 27 de xuño cando máis tarde teña lugar o solpor”, explica.

Esta estación prolongarase ata as 20.19 horas do 22 de setembro, de maneira que estes 93,65 días fan que o verán boreal sexa a estación máis longa das catro. Ademais, segundo explica o profesor Docobo, o 3 de xullo a Terra pasará polo afelio, punto de máxima distancia ao Sol -152,1 millóns de quilómetros; a mínima (perihelio) tivo lugar o 4 de xaneiro (147,1 quilómetros).

Fenómenos nesta estación
Este ano, a visión da chuvia de estrelas Perseidas na noite do 12 ao 13 de agosto vai coincidir coa Lúa case chea, que sairá polo leste sobre as 23:15 horas, “o que vai afectar a visión dos meteoros durante a noite, aínda que se poderá tentar observar os mais brillantes”, advirte.

O 7 de setembro terá lugar unha eclipse total de Lúa, cuxa fase total non se chegará a ver dende a parte occidental de Galicia. “Xa que logo, a saída do noso satélite natural vai coincidir practicamente co remate desa fase e será o inicio na segunda parte da fase parcial o que poderá verse”, asegura Docobo.

Unha primavera meteoroloxicamente normal
No plano meteorolóxico, con primaveras bastantes secas nestes últimos anos, a que agora remata, con 49 días de precipitación, “pode considerarse semellante á de 2024, e xa dentro na normalidade”, explica o director científico do Observatorio universitario.

A nebulosidade e as temperaturas suaves en xeral provocaron a sensación de que a estación que agora remata foi moi chuviosa, pero o certo é que se mediu unha cantidade inferior á do ano pasado (480 l/m2) pero superior, por exemplo, á dos anos  2023 (318,2 l/m2), 2022 (166,3 l/m2) ou 2021(249,1 l/m).

Na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico da USC recolléronse un total de 333,7 litros/m2: 63,9 a finais de marzo, 172,5 en abril; 75,3 en maio e 22 nos vinte primeiros días de xuño. Os días máis chuviosos en Santiago foron o 21 de marzo (36,6 l/m2) e o 30 de abril (31,7 l/m2).

Con respecto ás temperaturas, a máxima da primavera tivo lugar o pasado 17 de xuño con 35º3. Tamén se pasou dos 30 graos os días 16 de xuño (32º5), 10 de xuño (32º4), 29 de maio (32º2) e 9 de xuño (31º2). Pola contra, a temperatura mínima rexistrouse o 23 de marzo con  3º4.

Sesións do Observatorio
Como en anos precedentes, ademais de colaborar no programa propio do Destino Starlight da vila de Lalín, durante o verán o Observtorio Astronómico Ramón María Aller vai impartir sesións públicas de divulgación astronómica en varios concellos galegos, que se anunciaran na súa páxina web, con programas financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia e o Consello Social da USC.
 

The contents of this page were updated on 06.20.2025.