Skip to main content

Unha reunión científica da Sociedade Española para o Estudo dos Pastos cita na Escola Politécnica Superior uns 90 participantes

Cartaz da reunión científica da SEEP
Cartaz da reunión científica da SEEP
O vicerreitor Javier Bueno inaugura este martes, ás 10.00 horas, o congreso no salón de actos do centro universitario do campus de Lugo

A 55 reunión científica da Sociedade Española para o Estudo dos Pastos (SEEP) cita desde este martes na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC aos preto de 90 participantes que xa formalizaron a súa inscrición nun foro que se desenvolverá na sede universitaria luguesa e no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) baixo o título ‘ Innovación Sustentable en Pastos: Cara unha agricultura de resposta ao cambio climático’.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, inaugurará este martes, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da EPS, este foro científico no marco dun acto de apertura no que tamén intervirán a presidenta da SEEP, Sonia Roig; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o secretario xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, e Dolores Báez Breal, en representación do comité organizador. Os obxectivos desta reunión científica, que estará estruturada en catro sesións temáticas: Botánica, Produción Vexetal, Produción Animal e Sistemas e Recursos Silvopastorís, pasan por coordinar e centrar os últimos traballos relacionados coas prácticas e innovacións en pastos que contribúen ao desenvolvemento sustentable dos sistemas agrogandeiros. Os retos aos que se enfronta a agricultura, tales como o son a conservación da biodiversidade ou o desenvolvemento de boas prácticas que axuden a mitigar o cambio climático son cuestións que tamén figuran no programa dunha reunión científica cuxos participantes se desprazarán durante a xornada do mércores á sede do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña). O xoves está prevista a realización de dúas visitas técnicas a dous enclaves da provincia de Lugo.

The contents of this page were updated on 04.25.2016.