Xornada gratuíta sobre os novos procesos de selección e redes sociais
Coñecer os actuais procesos de selección nos medios dixitais e como os empregan os recrutadores é o principal obxectivo do curso gratuíto que este martes 19 terá lugar no Salón de Graos da Facultade de Relacións Laborais a partir das 16.30 horas.
A xornada ‘Que esperan de ti as empresas? Os novos procesos de selección e redes sociais’ está dirixida a alumnado de últimos cursos de grao e máster e a persoal investigador e titulados recentes da USC, que deberán inscribirse previamente.
Entre outras cuestións, achegaranse claves para coñecer e identificar cómo chegar aos ‘ potenciais clientes’ (empresas e recrutadores) e trasmitirlles unha mensaxe convincente e aprender a posicionarse axeitadamente nas redes profesionais.
Como relatores intervirán o director de Galicia Business School, Eduardo García Erquiaga; a directora de Servicio Regional ADECCO, Delia Rodríguez Blanco; e o director de negocios de Servitalent e profesor asociado de Galicia Business School, Alberto Fernández Varela.
A marca persoal
A Área de Orientación Laboral da USC organiza ademais para o mércores 20 unha charla dirixida a alumnado de último curso e titulados recentes sobre a importancia da marca persoal e o valor diferencial para dirixir a carreira profesional.
A actividade correrá a cargo de Verónica Ramallal, CEO da axencia creativa Pekecha, que explicará cómo converter as rarezas persoais en virtudes, xestionar a propia imaxe profesional nas redes sociais, conseguir ser a opción seleccionada e ser vistos como se desexa profesionalmente.
O obradoiro será o día 20 de 16:30 a 20:30 horas na Aula 6 da Facultade de Relacións Laborais e aínda que é gratuíto se precisa inscrición previa.