Skip to main content

Estudan a interacción entre as pradeiras mariñas e a actividade humana para lograr unha maior sustentabilidade

Leticia Bas realizou o seu estudo no espazo Rede Natura 2000 da Enseada de San Simón
Leticia Bas realizou o seu estudo no espazo Rede Natura 2000 da Enseada de San Simón
A partir dunha investigación na Enseada de San Simón, Leticia Bas propón procesos participativos exploratorios cos que identificar a natureza multifuncional desas pradeiras

“Comprender as dinámicas espaciais no uso do mar é clave non só en canto á localización de problemas e recursos, senón tamén no deseño de medidas máis realistas”. Esta advertencia faina Leticia Bas Ventín na súa tese de doutoramento defendida na Facultade de Ciencias Políticas na que investigou as dimensións ecolóxica, social e institucional das interaccións entre as pradeiras mariñas –zonas submariñas cubertas de plantas– e as actividades humanas no espazo Rede Natura 2000 da Enseada de San Simón.

Na investigación demóstrase a complexidade das interaccións entre pradeiras mariñas e actividades humanas. As primeiras xogan un papel importante no mantemento de pesqueiras, o que repercute no benestar da poboación local, mais á vez detéctase unha situación conflitiva en relación á actividade marisqueira. Por unha banda, a presenza desas pradeiras pode contribuír positivamente á produtividade dos bancos marisqueiros aínda que un modelo de explotación baseado na transformación do espazo mariño supón unha ameaza para a preservación da flora que nela habita. Por outra, existe unha situación de conflito de intereses entre as regulacións e planificacións que promoven a conservación dos valores naturais e as que regulan a explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros. De feito, a investigadora constata que esas pradeiras soen quedar á marxe da toma de decisións na xestión do medio mariño.

Por iso, apunta Leticia Bas, “para alcanzar un sistema de xestión máis sustentable é necesario desenvolver procesos participativos exploratorios cos que identificar a natureza multifuncional das pradeiras mariñas”. O coñecemento local sobre os valores, aspiracións e uso espacial deses recursos “favorecerá así o deseño de medidas de xestión adaptadas á complexidade coa que os humanos interaccionan coas pradeiras”, apunta.

A tese ‘Hacia la integración del capital natural en la planificación marino-costera a través de procesos participativos: el caso de las praderas marinas’, desenvolvida no marco do Programa de Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión de Campus do Mar, estivo dirixida polos profesores Sebastian Villasante (USC) e Jesús Troncoso (UVigo).

The contents of this page were updated on 02.24.2016.