Skip to main content

A Xunta de Facultade de Enfermaría elixe decana á profesora Ana Isabel Silveira Rodríguez

Ana Isabel Silveira Rodríguez
Ana Isabel Silveira Rodríguez

A Xunta de Facultade de Enfermaría elixiu como decana á profesora Ana Isabel Silveira Rodríguez, nunha votación celebrada este xoves na que obtivo 20 votos a favor e 5 en branco. Diplomada en Enfermaría pola USC con formación de posgrao en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados, a profesora Silveira era responsables académica de Mobilidade da Facultade dende 2000, ademais de ter sido subdirectora da Escola de Enfermaría compostela entre 2008 e 2012 e vicedecana do mesmo centro entre 2012 e 2014. Ademais foi coordinadora da Comisión de redacción do Grao de Enfermaría.

Os obxectivos que a nova decana afrontará durante o seu mandato apuntan a cuestións relacionadas coas infraestruturas da Facultade, o proceso docente, a internacionalización e a implicación da comunidade universitaria do centro. Neste senso, Ana Isabel Silveira inclúe entre os seus principais retos un novo edificio para a Facultade axustado ás necesidades docentes da titulación, e no plano docente traballar no deseño de “propostas para manter a calidade da docencia sen diminuír a oferta, implicando para isto a todo o profesorado”.

No plano da internacionalización a decana aspira a impulsar os programas de mobilidade promovendo vínculos institucionais con universidades nacionais e estranxeiras de recoñecido prestixio académico e internacional. Ademais aspira a fomentar e promover a participación do colectivo estudantil así como do persoal de administración e servizos na vida universitaria e na toma de decisións da Facultade, respectivamente.

The contents of this page were updated on 02.12.2016.