Skip to main content

Unhas xornadas abordan en Ciencias as técnicas e os métodos de xestión de consultas dietéticas e nutricionais

Participantes na xornada sobre técnicas e xestión de consultas dietéticas, na Facultade de Ciencias
Participantes na xornada sobre técnicas e xestión de consultas dietéticas, na Facultade de Ciencias
A dietista e nutricionista Patricia Bretró impartiu este programa no que participaron preto de 30 estudantes e titulados en Nutrición Humana e Dietética

O coñecemento das técnicas e da xestión que debe rexer o funcionamento das consultas dietéticas e nutricionais centrou este xoves unha xornada monográfica na Facultade de Ciencias do campus de Lugo, onde a dietista e nutricionista Patricia Bretó Barrera, quen tamén é docente no máster en Nutrición Personalizada e Comunitaria da Universidade de Valencia, guiou un programa formativo que se prolongou durante toda a xornada.

O obxectivo desta xornada pasa por dar a coñecer ás persoas participantes os recursos didácticos e as ferramentas necesarias para abordar e desenvolver con eficacia o traballo que se realiza nas consultas de nutrición. O material empregado nas consultas, as características dos pacientes, a educación emocional, as ferramentas didácticas dispoñibles de educación para a saúde e a análise doutros aspectos relevantes para o desenvolvemento axeitado das consultas, foron algunhas das cuestións abordadas no marco destas xornadas de formación e divulgación, orientadas especialmente a estudantes e titulados en Nutrición Humana e Dietética. Na actualidade, ante o feito de que moitas persoas visitan clínicas nutricionais co obxecto de previr e/ou tratar enfermidades relacionadas coa alimentación, os expertos destacan a importancia de coñecer as características individuais que determinan o comportamento alimentario á hora de abordar tratamentos dietéticos.

A dietista e nutricionista Patricia Bretó Barrera salientou neste senso a conveniencia de que este tipo de profesionais desenvolvan habilidades e adquiran coñecementos sobre ferramentas didácticas que contribúan a que os pacientes acaden os seus respectivos obxectivos coa máxima eficacia.

The contents of this page were updated on 01.21.2016.