Skip to main content

Estudantes de secundaria mergúllanse na investigación a través dun ciclo para novos investigadores na Facultade de Ciencias

Estudantes do IES Ánxel Fole, nun laboratorio da Facultade de Ciencias co profesor Jesús Antonio Casabiell
Estudantes do IES Ánxel Fole, nun laboratorio da Facultade de Ciencias co profesor Jesús Antonio Casabiell
O IES Ánxel Fole abre un programa de visitas e experimentos en laboratorio no que participarán ata o 21 de xaneiro máis de 300 mozos de sete centros educativos de Lugo

O ciclo de divulgación científica ‘Ciencia para novos investigadores’ achegou este martes preto de 50 estudantes de cuarto curso de ESO do IES Ánxel Fole da capital luguesa aos laboratorios da Facultade de Ciencias, onde, baixo a supervisión de diversos profesores do centro universitario, puideron desenvolver distintos experimentos científicos de temática e complexidade diversa.

A temática das actividades promovidas pola Facultade de Ciencias a través desta iniciativa de estímulo de vocacións científicas entre os estudantes de ensino medio é variada e abrangue actividades relacionadas coas ciencias da saúde, tales como a observación de tecidos e células do sangue a través de microscopio ata outros labores de experimentación máis propios de aplicacións físicas, químicas ou da enxeñaría, como pode ser a deshidratación de alimentos, depuración de augas, produción de electricidade, pigmentación natural, medidas antropométricas e valoración nutricional, prácticas e técnicas de fluorescencia e quimiluminiscencia, deseño de extintores, preparación de funxicidas ecolóxicos... Os distintos obradoiros organizados polos docentes e demais persoal da Facultade de Ciencias ao abeiro desta iniciativa prolongáronse durante toda a xornada matinal, de 10.00 a 13.30 horas. Así, logo dun breve acto de benvida guiado polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, os estudantes do IES Ánxel Fole percorreron distintos laboratorios do centro, nos que foron protagonistas e/ou testemuñas de experimentos sinxelos que lles ofrecen unha visión práctica e diferente das múltiples posibilidades que ofrece a ciencia. O achegamento da ciencia á poboación máis nova é un dos obxectivos do ciclo ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa que xa vai pola súa cuarta edición e que terá continuidade ata o vindeiro 21 de xaneiro na Facultade de Ciencias de Lugo, por onde ser agarda que pasen máis de 300 escolares de 4º da ESO, pertencentes a 7 centros educativos da capital luguesa. O IES Ánxel Fole abriu este mates o programa de divulgación e estímulo de vocacións científicas entre escolares promovido pola Facultade de Ciencias, que tamén pretende con esta iniciativa dar a coñecer e presentar a súa oferta de títulos de grao en Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais como opcións a ter en conta polos futuros estudantes universitarios.

Logo da primeira xornada deste ciclo, que tivo como protagonista o estudantado do IES Ánxel Fole, arredor de medio centenar de estudantes do Colexio Padres Franciscanos de Lugo participarán este mércores neste ciclo de divulgación e estímulo de vocacións científicas entre estudantado de secundaria, unha iniciativa que tamén permite facer visible o labor desenvolvido na Facultade de Ciencias do campus de Lugo que, ata o 21 de xaneiro, terá como convidados estudantes dos dous centros xa antes citados, ademais doutros procedentes dos IES Sanxillao, Lucus Agusti, Colexio Divino Maestro, Colexio Marista La Inmaculada e Colexio San José.

The contents of this page were updated on 01.12.2016.