Skip to main content

O ciclo ‘Ciencias para xoves investigadores’ achega este mes máis de 300 estudantes de ensino secundario á Facultade de Ciencias

Facultade de Ciencias do campus de Lugo
Facultade de Ciencias do campus de Lugo
Alumnos do IES Ánxel Fole de Lugo abren este martes o programa de visitas e prácticas de laboratorio no que participarán ata o 21 de xaneiro escolares de 7 centros lugueses

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo botará a andar este martes 12 de xaneiro unha nova edición das xornadas ‘Ciencia para xoves investigadores’, un programa de estímulo de novas vocacións científicas entre o estudantado de ensino medio impulsado polo persoal do centro universitario lugués e no que se agarda a participación de máis de 300 estudantes preuniversitarios.

O programa desta nova edición das xornadas ‘Ciencias para xoves investigadores’ , no que xa formalizaron a súa participación estudantes e docentes de 7 centros educativos nos que se imparten estudos de ensino secundario da capital luguesa, desenvolverase entre os días 12 e 22 de xaneiro en quenda de mañá, de 10.00 a 13.30 horas. As distintas sesións programadas ao abeiro deste ciclo presentan unha estrutura semellante. Así, logo dun breve acto de benvida guiado polo decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, distintos profesores e persoal do centro universitario lugués conducirán sesións prácticas nos distintos laboratorios do centro, onde os propios estudantes poderán realizar os seus propios experimentos. Un grupo de escolares de 4º curso de ESO do IES Ánxel Fole de Lugo abrirá este martes, a partir das 10.00 horas, esta nova edición dunhas xornadas que, nos seguintes días, terán como protagonistas alumnos de ensino secundario do IES Sanxillao, IES Lucus Augusti, Colexio Padres Franciscanos, Colexio Divino Maestro, Colexio Marista La Inmaculada e Colexio San José.

The contents of this page were updated on 01.11.2016.