Skip to main content

Aberta a inscrición do sexto seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’

Aberta a inscrición do sexto seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’
Aberta a inscrición do sexto seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’
Celebrarase entre febreiro e maio na Facultade de Ciencias da Comunicación

As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son algúns dos temas que aborda o programa do sexto seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’. Esta é unha acción formativa a celebrar na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC entre o 25 de febreiro e o 12 de maio organizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). O curso inclúe unha expedición a Marrocos onde dúas das participantes traballarán con organizacións locais.

Da man de entidades do Terceiro Sector, investigadoras e xornalistas especializados, profundarase no tratamento mediático da inmigración, a comunidade xitana, o xénero, a pobreza, a discapacidade ou a protección ambiental. Este ano prestarase especial atención á crise de persoas refuxiadas, contando con profesionais que a viviron en terreo. Debaterase asemade sobre o xornalismo social en Galicia e a comunicación comunitaria, mesmo con relatoras de países do Sur.

Un mínimo de dúas das persoas asistentes ao VI Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ completarán a súa formación en Marrocos. Alí traballarán no eido da comunicación sobre os diferentes proxectos promovidos na zona por ACPP e os seus parceiros locais en áreas como a saúde, emigración, xénero, medio ambiente ou educación.

Matrícula
As aulas impartiranse entre o 25 de febreiro e o 12 de maio os xoves de 16.00 a 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Cunha duración total de 40 horas, a actividade está dirixida tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación. As persoas interesadas poden inscribirse ata o 17 de febreiro en seminario [at] agareso.org (seminario[at]agareso[dot]org). As prazas son limitadas e o custe da matrícula é de 100 euros.

O obxectivo do Seminario é capacitar xornalistas e futuros xornalistas na comunicación para o cambio social, de xeito que contribúan co seu labor a erradicar prexuízos e favorecer a inclusión. O VI Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’ conta co apoio económico da Xunta de Galicia.

The contents of this page were updated on 01.13.2016.