Skip to main content

A Deputación de Ourense financiará cinco prazas de profesores asociados para a docencia clínica do grao de Medicina no CHOU

A Deputación de Ourense financiará cinco prazas de profesores asociados para a docencia clínica do grao de Medicina no CHOU
A Deputación de Ourense financiará cinco prazas de profesores asociados para a docencia clínica do grao de Medicina no CHOU

No presente curso 2015-16 implantouse o sexto curso do grao de Medicina na USC, con materias totalmente prácticas. Para levar a cabo a docencia, e dado o elevado número de estudantes –uns 350–, a USC pretende contar coa totalidade dos hospitais universitarios do Sergas, entre eles o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU).

Para garantir a calidade desa docencia, a Deputación de Ourense financiará cinco prazas de profesores asociados de Ciencias da Saúde (PACS) do CHOU durante os cursos 2015-16 e 2016-17, que se encargarán das materias Clínica médica, Clínica cirúrxica, Clínica obstétrica-xinecolóxica; Clínica pediátrica e Clínica psiquiátrica.

Esta colaboración, que supón unha achega económica de 21.660 euros anuais, materializouse este xoves en San Xerome coa sinatura do correspondente convenio por parte do reitor Juan Viaño e o presidente da Deputación, José Manuel Baltar. Ao acto asistiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o vicerreitor de Organización Académica e PDI, Luis Lima; e o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Gestal.

Segundo o acordo, a USC comprométese a que 30 estudantes realicen as materias prácticas da docencia clínica de sexto curso no hospital ourensán.

The contents of this page were updated on 03.17.2016.