I Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Enfermaría da USC convoca o primeiro concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego #TEDSaúde, cuxo prazo remata o 17 de abril.
Os vídeos TED, todos dun máximo de 18 minutos, versan sobre ciencia, tecnoloxía, sostenibilidade, pobreza, arte ou entretemento, entre outras temáticas, e están dispoñibles na rede de maneira gratuíta.
A USC organiza un obradoiro gratuíto de catro horas para aprender cómo funciona a plataforma de tradución e subtitulación e previr sobre os erros máis frecuentes da tradución inglés-galego. O prazo para participar neste curso, que terá lugar o 17 de marzo en Enfermaría, remata o 10 de marzo.
O concurso
Para participar no concurso, os membros da comunidade universitaria deberán realizar, co 17 de abril como data límite, a tradución e subtitulación dun vídeo TED relacionado coas ciencias da saúde. Un xurado decidirá o de maior calidade, que recibirá un premio de 250€ e un diploma honorífico.
Ademais existe outra modalidade dirixida ao público xeral, que deberá ser membro da comunidade TED con data do 10 de marzo. Para eles o premio será de 150 euros.