Skip to main content

Unha investigación do Campus Terra da USC proba a modificación de polímeros a través de axentes entrecruzantes

Eva Carolina Vázquez Barreiro, entre Francisco Fraga e José Vázquez Tato, na Facultade de Ciencias
Eva Carolina Vázquez Barreiro, entre Francisco Fraga e José Vázquez Tato, na Facultade de Ciencias
A investigación realizada por Eva Vázquez e dirixida por Francisco Fraga e Vázquez Tato abre novas expectativas sobre os usos e as aplicacións industriais das resinas epoxi

A tese de doutoramento presentada pola enxeñeira Eva Carolina Vázquez Barreiro na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC baixo o título ‘Dopaxe iónica de resinas epoxi mediante axentes entrecruzantes derivados de macrociclos’ proba a posibilidade de modificar e engadir novas características a materiais convencionais como este tipo de polímeros, a través do emprego de axentes entrecruzantes específicos.

Na súa investigación de doutoramento, dirixida polos profesores Francisco Fraga López e José Vázquez Tato, Vázquez Barreiro empregou axentes portadores de macrociclos (derivados da porfirina, éteres corona e tretraazociclodecano) que complexan fortemente diversos ións metálicos, o que permite modificar a capacidade dieléctrica das resinas, ademais das súas propiedades térmicas e mecánicas. As resinas modificadas deste xeito con hemina (portadora dun ión ferro) e porfirina de zinc posúen a capacidade para orientarse en presenza dun campo magnético forte, en ausencia de rozamento como, por exemplo, sobre a superficie da auga, explica a autora desta tese. Eva Carolina Vázquez Barreiro salienta asemade, debido á importancia de polímeros como as resinas epoxi en diversos eidos industriais, as expectativas respecto das súas futuras aplicacións industriais son amplas. Tribunal de tese e cualificación

O catedrático ‘ad honorem’ da USC José Miñones Trillo presidiu o tribunal encargado de cualificar a tese de doutoramento presentada por Eva Carolina Vázquez Barreiro. Senén Paz, de Gairesa; Marta Fernández, do Centro Superior de Investigacións Científicas; Luciano Galantini, da Universidade de Roma, e a profesora da USC María Isabel Sández Macho completaron a composición de tribunal, que outorgou a máxima cualificación académica á tese ‘Dopaxe iónica de resinas epoxi mediante axentes entrecruzantes derivados de macrociclos’.

The contents of this page were updated on 06.10.2016.