Skip to main content

Alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais realizará prácticas en empresas asociadas ao Club Financeiro de Santiago

De esquerda a dereita, Emilia Vázquez, Juan Viaño, Roberto Pereira e Loreto Fernández. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Emilia Vázquez, Juan Viaño, Roberto Pereira e Loreto Fernández. Foto: Servimav-USC

O reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente do consello de administración do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira Costa, asinaron este venres 29 en San Xerome un convenio de colaboración para a realización de prácticas de alumnado da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. A institución educativa e o Club Financeiro buscan así facilitar a futura inserción laboral do alumnado universitario mediante a alternancia da súa formación teórica con prácticas de empresas, acadando ao mesmo tempo a mellor cualificación e futura adaptación aos postos de traballo demandados polas empresas. No acto de sinatura tamén estiveron presentes a decana da Facultade, Emilia Vázquez Rozas, e a vicedecana do centro Loreto Fernández Fernández. Alumnado de grao e máster das titulacións impartidas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais serán os destinatarios principais deste programa que, en forma de complemento á formación, aspira a facilitar o coñecemento da realidade empresarial. Así, o contido específico das prácticas proporcionará ao estudantado unha visión global da empresa a través dos seus distintos departamentos. O documento tamén apunta a posibilidade doutras formas de colaboración xa que o acordo posibilita a cooperación puntual en traballos académicos das empresas asociadas, a participación de directivos en xornada formativas do centro universitario –como, por exemplo, a través do ciclo ‘ Aprender da experiencia’– ou a organización de visitas, entre outros aspectos. Tamén está prevista a convocatoria dun premio para emprendedores/as así como un club de inversión para apoiar novas iniciativas. A duración do acordo estenderase como mínimo a dous cursos académicos, prorrogables automaticamente.

The contents of this page were updated on 05.29.2015.