Skip to main content

Rubén Casado actualiza o discurso kantiano sobre o debate entre liberdade e determinismo

A tese de Rubén Casado mereceu por unanimidade a cualificación sobresaliente ‘cum laude’
A tese de Rubén Casado mereceu por unanimidade a cualificación sobresaliente ‘cum laude’

Cada vez que decidimos asumimos ser os responsables de elixir entre as distintas posibilidades que se nos presentan. Non obstante, a investigación científica pon de manifesto ata que punto o noso comportamento pode estar determinado por factores dos que non somos conscientes (condicionantes xenéticos, biolóxicos, sociais, psicolóxicos...). Xurde así un conflito –entre determinismo e liberdade– que se sitúa no centro do criticismo kantiano e que Rubén Casado Méndez (Tioira–Maceda, Ourense, 1984) estudou na súa tese de doutoramento con mención europea e merecedora por unanimidade da cualificación sobresaliente ‘cum laude’. Todos os cambios e innovacións experimentados na ciencia, a tecnoloxía ou a política conduciron a novas e radicais abordaxes da vella cuestión sobre ‘libertade-determinismo’, problema nuclear da metafísica moderna que se proxecta sobre a totalidade da acción humana. Dada a relevancia histórica da filosofía de Kant sobre esta cuestión, na tese ‘Determinismo e liberdade. Unha lectura de Kant desde o debate contemporáneo sobre o libre arbitrio’ introdúcese o filósofo no contexto contemporáneo para amosar en qué sentido as solucións kantianas abren posibilidades para o desenvolvemento actual do problema. “A forma coa que Kant aborda a configuración e os límites da validez de ambas as dúas perspectivas convérteno nun interlocutor ineludible no actual debate sobre a liberdade”, afirma o autor. O punto de vista científico que exclúe a posibilidade da liberdade queda debilitado “en canto caemos na conta de que nesa perspectiva a liberdade non se pode atopar porque queda excluída de partida. Máis ben –explica Rubén Casado– trataríase de saber se desde ese mesmo punto de vista científico se pode fundamentar a ciencia”. Porque rexeitar a decisión tamén é unha forma de decisión. “Nin o máis radical dos escépticos podería eludir a decisión”, di Casado, que explica que “cando decidimos damos por suposto que se abren diante de nós distintas vías de actuación sobre as que se proxecta a nosa elección racional, en virtude da cal pode alguén ser considerado dono da súa acción, moralmente responsable e xuridicamente imputable”. Entón, e parafraseando a Robert Kane, Casado explica que o libre arbitrio se fai problema cando “os seres humanos acadan certo estado superior de autoconsciencia acerca de ata qué punto podería o mundo influír no seu comportamento en formas das que no eran conscientes”. É aí cando entran en xogo conceptos como determinismo ou necesidade, que poden recibir apoios dende moi diversos ámbitos como a psicoloxía, a teoloxía, a neurobioloxía, a teoría social ou a física, e que defenden que a presenza de certos factores fai inevitable a ocorrencia dun evento “e, xa que logo, tamén dunha acción humana”, conclúe.

O traballo doutoral, dirixido polo profesor Rafael Martínez Castro, defendeuse a pasada semana na Facultade de Filosofía diante dun tribunal presidido polo profesor da Universidade de Vigo Arturo Leyte Coello e composto ademais por Bernd Dörflinger, da Universidade de Trier; Carlos Moya Espí, de Valencia; Jacinto Rivera de Rosales Chacón, da UNED; e María Xesús Vázquez Lobeiras, da USC.

The contents of this page were updated on 01.21.2015.