Skip to main content

Sesións informativas sobre a convocatoria Iniciativa Xove 2015 e o programa de prácticas Galeuropa no campus de Lugo

Asistentes á sesión informativa guiada por Borja Rubio na EPS
Asistentes á sesión informativa guiada por Borja Rubio na EPS

A Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC acolleu este martes unha xornada informativa e de divulgación sobre a convocatoria Iniciativa Xove 2015 e o programa de mobilidade internacional xuvenil de prácticas Galeuropa, unha sesión replicada en quenda de tarde na Facultade de Administración e Dirección de Empresas e na residencia universitaria Jesús Bal y Gay do campus de Lugo.

As sesións, promovidas pola Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo e que terán continuidade este mércores noutros centros universitarios do campus lugués, están guiadas polo dinamizador xuvenil Borja Rubio Somoza, da Rede Galega de Dinamización Xuvenil. Na súa exposición, Rubio Somoza informa ao público asistente das características, así como das novidades que presentan cada unha destas convocatorias orientadas a mellorar as expectativas de emprego da mocidade e nomeadamente, de estudantes e titulados universitarios do SUG. Respecto dos contidos das charlas, Borja Rubio aproveita estas sesións para facer presentacións polo miúdo do programa Galeuropa, a través do que a Xunta de Galicia concede axudas para a realización de prácticas formativas remuneradas en entidades e empresas de países europeos, así como das achegas arbitradas a través do proxecto Iniciativa Xove, orientado ao desenvolvemento de ideas e proxectos de interese para a mocidade e para o conxunto do sociedade.

The contents of this page were updated on 04.21.2015.